Mr. Sykes returns

Paulo Naseiro

Mister Mark Sykes, político tory, diplomático e terratenente de Yorkshire, podería ser un bo exemplo daquel dito que reza "xenio e figura deica a sepultura". Dilixente funcionario do Imperio Británico no seu esplendor até a súa morte, en 1919, o cadáver de Mr. Sykes ten, noventa anos despois, un inusitado interese para a ciencia polo mesmo motivo que o levou ao descanso eterno: a gripe.

Porque o noso flemático personaxe foi unha vítima máis da pandemia que asolou o mundo ao fin da Grande Guerra Europea, aquela que con tanta abnegación combateu o noso veciño Plácido Peña Novo, e que deixou unha pegada de morte e destrución levando por diante, din os expertos, a un dous por cento da poboación mundial. Pero, a diferenza doutras vítimas da "gripe española", soterradas a toda presa e sen máis consideracións, o bo de Mr. Sykes foi sepultado nun cadaleito de chumbo. Por iso os cientistas dos hospitais londinenses de St. Barts e Royal London cren que o virus puido ter sobrevivido durante todo este tempo, e a súa obtención pode ter moita importancia na prevención de futuras pandemias, polo que obtiveron o permiso dos netos do aristócrata e máis da diócese anglicana de York para exhumar o corpo, soterrado na residencia familiar de Sledmere House.

Tamén lle ía sendo hora a Mr. Sykes de facer algo bo polos demais. Se cadra agora, case un século máis tarde, poda pasar á historia por algo máis noble ca o tratado que, en 1916, asociou o seu nome de xeito indisolúbel ao do francés François Georges-Picot.

Estes dous individuos, Mister Sykes e Monsieur Picot, notábeis prohomes da ideoloxía imperialista que por aquel entón facía furor entre a clase dirixente dos países "civilizados" e que estaba a sementar os cambos de Europa co sangue de millóns de xoves incautos, sentaron diante dun mapa naquel lonxano 1916 e repartiron, a tiraliñas, os despoxos do Imperio Turco, a chamada "Sublime Porta", moito antes de que a potencia do leste mediterráneo fose vencida nos campos de batalla.

"Siria para ti", "Palestina nosa baixo protectorado", "pídome Basora e Bagdad"... Non custa traballo imaxinar aos dous homes de estado xogando á xeoestratexia arrepantigados en cómodas cadeiras de coiro, fumando habanos e saboreando senllas copas de Porto da excelente colleita de 1853. Pero detrais deste despezamento colonial, xa ensaiado antes en África e noutras partes do mundo, había intereses moito máis inconfesábeis: o acceso a unha prometedora fonte de enerxía, á sangue que, grazas a Mr. Churchill, xa corría polas veas da poderosa Royal Navy substituíndo ao carbón. O petróleo entraba na política estratéxica global da man do Tratado Sykes-Picot e da Anglo-Persian Oil Co., e Inglaterra se aseguraba o control do valioso aceite de rocha (petra-oleum).

Case todos os conflitos que hoxe sacoden Oriente Medio e o mundo árabe comezan aquí. Sen o mandato sobre Palestina, o primeiro ministro Balfour non podería ter prometido, na súa famosa declaración de 1917, un fogar nacional para os xudeus sen contar, claro está, coa opinión da poboación árabe asentada por xeracións no territorio. Sen a protección británica non habería unha monarquía absoluta, teocrática e tiránica en Arabia Saudita, soporte ideolóxico e financeiro do fundamentalismo wahabita. Non estariamos falando tanto, probábelmente, dun Iraq convulso e inestábel, un país feito con retais -Mosul, Basora, Bagdad- e sumando de xeito precario a kurdos, suníes e chiítas, xunto con outras pequenas minorías. Probábelmente a historia do Líbano non estaría marcada por unha terríbel e cruel guerra civil que, pese ás apariencias pasadas, semella non ter fin. Sen Mister Sykes e Monsieur Picot, en fin, a historia e as súas consecuencias poderían ter sido distintas. Se cadra a grande nación árabe, o Hiyaz, que soñou o comandante Thomas Edward Lawrence, o famoso Lawrence de Arabia que comandou a rebelión árabe, dende o Mediterráneo ao Iemen, do Golfo Pérsico ao estreito de Adén, polas fértis ribeiras do Tigris e o Éufrates, con capital no verxel de Damasco, oh Damasco!, tería asomado con forza criadora no devalar dos pobos do mundo.

En fin. Sería desexábel, cando menos, que os cientistas saiban gardar baixo sete chaves o virus que levou por diante a Mr. Sykes. Non vaia ser que o convirtan, aínda que involuntariamente pola súa parte, no Leviathan dos nosos tempos, nun individuo dúas veces maligno. É o que lle faltaba.

18 de set. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión