Enchente da Porta de Cima


Xulio Xiz

Recibo por partida doble a foto da rúa vilalbesa da Porta de Cima inundada. Nacín na segunda casa da esquerda. Nunca tal vin. E xa choveu.

E o certo é que esta inundación impactoume. Non me asombran feitos coma este, e bastantes máis graves, cando ocorren en zonas do estado español nos que as choivas non son habituais, nos que as augas non teñen por onde escorrer axeitadamente, e nas que se ten edificado en lugares impropios como as zonas por onde pasaban as avenidas cando diluviaba, as famosas torrenteiras que só levaban auga de cando en cando, pero levábana. E cando a auga non por onde fluir, derruba o que sexa pero busca a saída.

Pero en Galicia habitualmente non pasa nada desto. Aquí estamos afeitos a ver chover, mesmo que caia en determinados momentos moita auga. E cando chove, a auga escorre polos lugares habituais, de xeito que por moito que chova o rio que corra máis preto recolle toda a auga.

En Vilalba, chámame a atención que se inunde a Porta de Cima ou calquera outra rúa, tendo en conta que por calquera sitio se escapa a auga para chegar ó río seguindo o natural cauce costa abaixo.

Esta miña rúa téñena levantado máis dunha vez, co conseguinte retoque ás canalizacións que vaian por baixo. Lembro que cando era pequeño o pavimento da rúa estaba formado por lanchas monumentais de máis dun metro de lado, que logo foron levantadas para cubrir todo con cemento pensando que era máis moderno, máis limpo, máis lucido, sen ter en conta que xa os romanos coñecían o cemento e cando construían con pedra por algo sería. Daquela, o máis que podíamos contemplar na rúa eran os ollos que se formaban cando chovía ben, ollos que seica significaba que inda ía chover bastante máis.

Durante a época do cemento, algunha vez furaron na rúa para algunha obra que non lembro... Quizáis para tendidos eléctricos. Polo que fose durante anos a rúa conservou cicatrices lonxitudinais que lembraban o acceso ó subsolo diante das nosas casas.

Pois despois da época do cemento, volveu a pedra pero xa nunca foi o mesmo. Pero polo menos mellorou algo esta rúa que resulta ser vía pola que pasa o Camiño do norte a Compostela.

Non lembro -e xa teño memoria de máis de medio século- que tiveramos problema coa auga por moito que chovera. E xa se sabe o que din os máis vellos de que antes chovía moito máis ca agora.

Quizais non había problemas porque cando chovía sempre había alguén que cun raño ou simplemente cun pau acudía á rella que lle quedaba máis de perto e furaba con xeito para que o desaugue funcionase correctamente. E funcionaba. Agora, vese que ou non hai veciño que acuda co raño a levantar a rella, ou a rella non traga como debera.

Parece ser que o concello vilalbés ten xa contratadas obras de mellora para a canalización nun tramo da porta de Cima, que outras obras en rúas adxacentes tamén van beneficiar a que as augas non inunden a Porta de Cima. e mesmo que a compañía R, que fará o tendido na rúa para o seu servicio de televisión e teléfono, van poder conseguir que a histórica Porta de Cima non volva ter enchentes.

A ver se é verdade, porque é unha vergoña que en Vilalba se inunden as rúas agora que a técnica parece que pode con todo.

15 de out. de 2008

5 comentários :

  • Para min o problema está na dirección da obra que se fixo nesta fermosa rúa. Aproveitouse ao persoal da escola taller, e así quedou tanto o pavimento como as instalacións. Para cando haberá que render responsabilidades nas obras deste concello?

    15 de outubro de 2008, 10:13

  • Deus esqueceuse de que alí nacera Rouco Varela...

    20 de novembro de 2008, 10:34

  • Parece mentira que sexa unha zona onde hai tantos "santiños" deses que dín nacen con dentes e non haxa máis que enchentes.


    Xan do Muíño.

    25 de novembro de 2008, 16:23

  • Agora polo visto chámanme Xulieta:

    Non sei de que vos abraiades, estamos en Vilalba, e ata a cousa máis sinxela como canalizar a auga termina sendo unha obra imposible. Nun pobo casi imposible de anegar van e consíguenno.

    ¿Sería posible que non tocaran nada máis, que non malgastaran os impostos que pagamos? Creo que aínda non vin obra na vila que mellorase un pouco as cousas. Sempre a están a fastidiar... Por exemplo:
    - A plaza do cementón que por máis remendos que lle poñen non ten solución, e cando tratan de construir o templete para a banda... van e colocan ese artiluxio que non sei si se parece máis a un edificio chinés ou a un tiovivo
    - A praia da Magdalena, con ese fondo revolto e augas represadas que nunca conseguiron manter en bo estado para o baño, onde nunca funcionaban as duchas, con esos aseos onde daba medo entrar, con esas varandas enferruxadas, ese cutre-bar (que nuncan rematan de arranxar)... E agora que alomenos tiña unhas árbores dignas de ver (e mentía antes porque eso foi o único bo que vin suceder no pobo, cando a un concelleiro que eu sei se lle ocurriu plantar unha chea de árbores), pois agora que estes xa daban sombra e aquelo tiña xa certo aspecto agradable, estampan alí ese esperpento de castelo que parece unha réplica do castelo dos "clics de famobil" ou de "pin y pon" (bueno, os xoguetes de pin y pon eran moito máis xeitosos).
    - Esa baixada ó auditorio desde a praza de santa maría que hay que estar entrenado para subir pero para baixar... para iso hai que ser un kamikaze...
    - ¿Ata cando vai parecer a praza de santa maría un expositor de automóviles? e non dou suxerencias porque si os deixamos ata poden construir un novo parking (ou deberíamos chamarlle meódromo en honor ó existente?)
    - E a casa do concello... ¿quen foi o arquitecto?
    - ¿A praza de abastos? ¿que me decides?

    Non sei si é mellor que fagan ou non fagan nada. O peor é que o cambio de goberno xa parece algo imposible, xa que a única solución que se me ocurre podería consistir en que de existir este, volvesen a gobernar os mesmos ocultos baixo as siglas de outros...

    25 de novembro de 2008, 23:49

  • Vaia, entrou alguén neste blog que parece que ten as cousas claras, e ademáis dí obras que non son máis que despilfarro de cartos, e as que quedan que non están todas as que son.Noraboa Anónimo concordo contigo en todo.
    Irmandiño.

    27 de novembro de 2008, 11:56

Danos a túa opinión