Federar asociacións


Xulio Xiz

Chamoume a atención que o Concello de Vilalba promova a creación dun rexistro de asociacións locais, como o que practicamente ven funcionando en todos os concellos importantes para que no goberno municipal se saiba quen é quen entre os que se adican -ou nos adicamos- a actividades culturais ou sociais.

Aínda que na actualidade o movemento asociativo vive tempos de floxedade porque cada quen ten múltiples actividades, o certo é que son innumerables as entidades asociativas que poden revestir diversas formas legais, sexan fundacións, asociacións de veciños, da terceira idade, asociacións culturais e un amplo etc.

As asociacións son tan variadas coma os seus fins, e as culturais adícanse á música, ao cine, o folclore... as de veciños a defender temas das zonas onde viven... as da terceira idade ou de rapaces, ós intereses propios de cada idade... e, en fin, os asociados de comunidades de montes, de criadores de raza rubia galega ou de profesionais de hostelería defenden os temas que lles son propios cunha eficacia que depende somente do traballo dos seus asociados.

O que en Vilalba se pretende primeiro é establecer un rexistro de asociacións para que na Casa do Concello consten todas as que existen. E se ben as que non se rexistren seguirán podendo funcionar, non poderán obter axudas do Concello, ás que todas sen dúbida aspiran. Ocorre así en concellos, deputacións, Xunta de Galicia... entidades nas que hai que estar inscritos para poder aspirar a ser recoñecidos e axudados.

O segundo paso en Vilalba vai ser a constitución dunha Federación destas entidades, que será como asociación de asociacións, que coordine actividades e sirva de interlocutor co Concello e demáis institucións para temas de interese xeral.

Se en Vilalba existen diversas asociacións culturais, entidades de promoción social, asociacións de veciños en cada unha das vintenove parroquias e ata unha ONG, está ben iso de regularizar a súa existencia para que todos saibamos as que hai, a que se adican e quen está ao seu frente.

Premisa primordial é que estas asociacións non teñan cor política algunha, aínda que os seus representantes poidan practicar a confesión política ou relixiosa que máis lles acomode. Porque ninguén pode convertir unha asociación, xa non digamos a Federación, en púlpito político. Que ademáis non é rendible, porque deixaría de ser operativa.

Vilalbeses de diversos colectivos e asociacións do concello foron a Collado-Villalba para participar nos actos de irmandamento con esta localidade madrileña... É como unha primeira pedra do edificio da futura federación de asociacións vilalbesas, esta accion que o Concello promove sairá un conxunto de representantes diante do Concello, cos dereitos que da a presenza regulamentada, e unha directiva influinte e poderosa dunha Federación que será un contrapoder municipal.

Seguro que o alcalde sabe o que fai, sen que sexa para controlar o incontrolable. Se o Concello non promove esta acción, xurdirá quen a promova. Mellor é facelo coordinadamente e que democráticamente se faga evolucionar o movemento asociativo vilalbés.

07/10/2008

1 comentários :

Danos a túa opinión