Galicia no 56 Festival de Cine de San Sebastián


Redacción

A recente presenza do Consorcio Audiovisual de Galicia no Festival Internacional de Cine de San Sebastián permitiu que se celebrasen unha serie de reunións cos representantes de distintos organismos latinoamericanos, europeos e do resto de Estado español.
Algúns destes encontros supuxeron o afianzamento nas colaboracións que o organismo presidido por Fernando Salgado -na fotografía- ven mantendo dende hai tempo, como acontece co Instituto Cervantes e o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Argentina. Tamén serviron para abrir novas liñas de colaboración en outros territorios, coma no caso de México e o Festival Internacional de Cine de Guadalajara, que terá lugar en marzo de 2009.

Por outra banda, as conversas co Centro Nacional de Cinematografía francés (CNC) serviron para iniciar unha futura colaboración entre produtores galegos e franceses, aos que se lle dará a coñecer o noso territorio como localización de posibles rodaxes. O Festival foi tamén o punto de encontro para produtores galegos e brasileiros para continuar cos proxectos que xurdiron do II Encontro Audiovisual Galicia-Brasil, celebrado o pasado mes de xuño en A Coruña.

Entre as distintas actividades que se desenvolveron durante o Festival, hai que sinalar a presentación sobre os fondos de coprodución aos produtores británicos chegados da man de Screen South. Os fondos de coprodución do Consorcio Audiovisual espertaron un grande interese, especialmente cando se presentou a empresa de capital risco SempreCinema Producións.

Como informabamos días atrais, este ano o cinema galego tivo unha representación importante nas diferentes seccións do Festival. El hombre de arena, Pradolongo e La Zona participaron na sección "Made in Spain" e La crisis carnívora na sección Cine Vasco, xa que está coproducida coa produtora vasca Abrakam Studio.

6 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión