Galicia participa na rede internacional de aprendizaxe integrada de contidos e lingua


Redacción

Asesores lingüísticos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria están a trasladar a experiencia galega no eido das seccións bilingües no marco do Congreso internacional CLIL Fusion Multilingual Mindsets in a Multicultural World: Building quality learning communities, que se celebra en Tallin (Estonia) hoxe e mañá.

Esta conferencia, na que se abordarán temas como o éxito educativo en comunidades de aprendizaxe CLIL, aprendizaxe e neuro-ciencia, boas prácticas CLIL ou o diálogo intercultural, está organizada pola CCN (CLIL Cascade Network), organismo internacional financiado pola Comisión Europea; o Centro de Inmersión Lingüística de Estonia; e a Universidade de Jyväskylä (Finlandia). O aumento rexistrado no número de centros e seccións bilingües que se desenvolven na Comunidade galega este curso 2008/09 levou á CCN a convidar á Consellería de Educación a explicar por primeira vez a súa experiencia neste congreso.

A Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE; en inglés Content and Language Integrated Learning) é unha corrente da lingüística aplicada que propugna que nos contextos escolares existe un maior éxito na aprendizaxe das linguas estranxeiras a través das materias comúns, como a historia ou as ciencias, que por medio dos currículos funcionais. A investigación neste eido ten demostrado tamén que o plurilingüismo na escola, aproveitando os recursos, estratexias e destrezas que desenvolve o alumno cando aprende unha lingua ou materia, a través dos currículos integrados das linguas e áreas non lingüísticas, contribúe de maneira eficaz ao desenvolvemento dunha competencia comunicativa en linguas que optimiza e facilita as aprendizaxes posteriores.

Este curso 2008/09 un total de 190 centros da Comunidade galega desenvolven 665 seccións bilingües, fronte aos 114 centros e as 332 seccións do curso pasado. Isto supón un incremento do 100% no número de seccións bilingües que se desenvolven este ano académico con respecto ao 2007/08. Unha sección bilingüe é a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou bacharelato, ou dun módulo de Formación Profesional específica, que se cursa cun grupo de alumnos dun xeito bilingüe: en galego ou castelán, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente en materia de normalización lingüística, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. A súa finalidade é reforzar a aprendizaxe da lingua estranxeira a través da incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación na área, materia ou módulo en que se desenvolve, así como a adquisición da terminoloxía específica.

24/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión