Galicia rexistra o menor número de lumes dende 1996

Redacción

Semella que por primeira vez en 12 anos prodúcese un número baixo de incendios no verán galego. Son varias, segundo se pode ver, as razóns delo. Por unha banda, este verán, o Plan de Prevención e Defensa contra Incendios de Galicia (Pladiga) movilizou nada menos que a 6.119 efectivos e levou a cabo en torno a 900 medios de actuación. Un protocolo de acción moi preciso que se completaría coa axuda de 30 axentes membros da Unidade Militar de Emerxencias da base de Marín (Pontevedra) e o reforzo que supuxo a labor do personal temporal de verán a través da empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga).
Outros factores que compre sinalar serían os propiamente climatolóxicos, a saber, a choiva, as temperaturas e os ventos. A media de litros de auga recollidos entre xuño e setembro (34 por metro cadrado), aínda que moito menor á doutros anos, tamén contribuiu. Pero, sobre todo, a menor incidencia de ventos e a temperatura media máis baixa neste verán foron factores máis determinantes.
Tendo en conta isto, pódese dicir que este sería o ano de menor número de incendios durante a época de máximo risco (1 de xuño a 30 de setembro) dende que hai un rexistro fiable de datos sobre o tema. Afortunadamente, non houbo grandes lumes (de máis de 500 hectáreas) nin medianos (de máis de 100). Tampouco ningún que afectara a máis de 15 hectáreas de superficie arbórea ou que ameazase a zonas poboadas. Foron un total duns mil cen incendios en 1.131 hectáreas, o que suporía unha considerable rebaixa (un 83,57%) se a comparamos coa media anual dos últimos doce anos.

5 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión