Grave crise nos puntos de venta de prensa nun barrio de Ferrol


Francisco López

La Voz de Galicia agasalla con máis de 500 xornais no barrio ferrolán de Ultramar durante dous meses, provocando unha grave crise nos puntos de venta de prensa. De feito, en algúns deles pódense ver carteis nos que se denuncia que La Voz de Galicia maltrata e arruina aos seus vendedores.

Os responsables de ventas da empresa xornalística argumentan que están a facer unha campaña de subscrición. Pola súa banda, os vendedores resaltan que La Voz de Galicia está provocando a súa ruína económica, cun descenso de ventas de ata un 60% en algúns dos puntos.

A realidade é que a empresa editora de La Voz está a repartir mais de 500 exemprares gratuítos, que son levados ao propio domicilio dos consumidores -nun área de influencia de 5000 a 6000 habitantes-, o que supón un serio perigo para os puntos de venta desta zona da cidade departamental, se estimamos unha media de ventas por punto de setenta xornais do rotativo coruñés. Tendo en conta que un punto de venta está ocupado alomenos por unha persoa, cando non de dúas, a difusión gratuíta da que estamos a falar -500 exemplares- pode deixar sen traballo a oito ou nove persoas.

Polo que se ve, os responsables da distribución masiva gratuíta de xornais non están a valorar o dano que no futuro poden causar ao sector da prensa en xeral, evitando o costume dos lectores de achegarse ao punto de venta, onde ademais do seu produto hai outros, que incluso poden ser da mesma empresa editora.

Estas actuacións contra os vendedores teñen como resultado o peche dos puntos de venta de prensa. Os vendedores afectados non están en contra de que esta empresa xornalística agasalle co seu diario temporalmente nin de que faga as súas campañas comerciais, pero deberían buscar a maneira de que fose o propio punto de venta o lugar de recollida, toda vez que a comisión do vendedor a leva a empresa que está a distribuír o xornal. Con esta medida, La Voz de Galicia está a facer a competencia desleal aos seus propios puntos de venta.

Dende os consumidores non se entende este maltrato aos vendedores, xa que son estes os que diariamente atenden os clientes de prensa, non só á prensa diaria (neste caso La Voz) senon dos seus complementos (gafas, reloxos, dicionarios, etc.).

O peche dos puntos de venta de prensa, ademais de provocar desemprego, afecta gravemente á difusión de todos os medios de comunicación en xeral e a liberdade de prensa en particular, dado que ir ao quiosco ou á libraría a mercar a prensa é un acto de liberdade, de pluralidade, de convivencia.

07/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión