Impulso e dinamización do software libre entre o sector empresarial galego


Redacción

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, Helena Veiguela -na fotografía-, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) para a realización de actuacións que contribúan ao desenvolvemento e á difusión das tecnoloxías de código aberto entre o tecido empresarial galego. A iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, disporá dunha partida orzamentaria de 20.000 euros achegados a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O convenio ten como propósito promover a difusión e a implantación de aplicacións de código aberto entre o tecido empresarial galego co fin de impulsar o desenvolvemento económico sostible de acordo aos obxectivos recollidos no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). No marco deste convenio inscríbese todo un programa de actuacións de difusión no ámbito empresarial, como o ciclo de relatorios O software libre e a crise, que dará comezo o vindeiro 14 de outubro en A Coruña e que continuará o seu periplo por cámaras de comercio e confederacións empresariais das principais cidades galegas.

AGASOL xorde en 2007 como unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores ante a Administración galega para apoiala e asesorala nos procesos de migración e implantación de SwL, ao tempo que tenta promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos. Actualmente agrúpanse baixo este colectivo un total de 27 empresas galegas.

09/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión