John Rutherford, membro da Real Academia Galega

Redacción

En 1958 chegou a Ribadeo un xove inglés a través dun intercambio cultural. Dese xeito comezaba unha sorte de achegamento a o mundo da cultura galega que hoxe lle procura a súa inclusión na Real Academia Galega (RAG).
Aquel xove, agora Profesor xubilado do Queen’s College da Universidade de Oxford e traductor ao inglés de obras senlleiras tales coma El Quijote ou La Regenta, pero tamén de autores da nosa terra coma Castelao ou Méndez Ferrín, é John Rutherford.
Aquí namorouse da súa dona, da nosa língua e da nosa cultura (quizáis non sempre valoradas como convén, nin siquera por nós mesmos), do pracer da conversa sen máis, da nosa retranca (nada que ver co humor británico) e da nosa peculiar idiosincrasia.
Na súa traxectoria de vencellos con Galicia figura a concesión, en xuño de 2007, do premio Trasalba que outorga a Fundación Otero Pedrayo de Ourense. Tamén, a creación, en 1985 xunto con Xan González Millán, da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Compre sinalar que, por riba, é autor dunha obra en galego, a medio camiño entre a novela e o libro de viaxes, inspirada polo Camiño de Santiago, As frechas de ouro, que no ano 2004 editaría Galaxia.
Hoxe mesmo, cincoenta anos despóis daquel primeiro encontro, este home afable, director aínda hoxe do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford, fala do nacemento daquela paixón no seu discurso de entrada na RAG titulado "O fermoso sorriso de Daniel", título que fai clara referencia a unha das figuras do Pórtico da Groria da catedral de Compostela.

04/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión