O Colexio de Xornalistas denuncia a censura aos medios en actos públicos


Redacción

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia publicamente o abuso por parte de institucións e de partidos políticos da convocatoria de actos nos que se impide -por acción ou por omisión- as preguntas dos redactores sobre os asuntos de actualidade.

Un exemplo deste tipo de actos foi a reunión da Interparlamentaria do Partido Popular, celebrada os días 10 e 11 deste mes en A Coruña, na que os xornalistas practicamente non puideron facer ningún tipo de pregunta. Nos dous días de encontro dos dirixentes do PP non se convocou nin unha soa conferencia de prensa, ou comparecencia, que lles permitise aos redactores recoller as súas opinións sobre a axenda política e económica.

Este xeito de actuar únese ao abuso por parte dos dirixentes políticos de fórmulas de comunicación que se converten en actos propagandísticos sen posibilidade de contraste xornalístico. As convocatorias só para gráficos, declaracións institucionais pechadas, conferencias de prensa que non admiten preguntas á marxe e comunicados públicos -cando estes son empregados como única resposta oficial sobre un asunto de actualidade- constitúen un atranco para o exercizo profesional dos xornalistas, que teñen entre as súas obrigas básicas a de preguntar.

A Xunta de Goberno do Colexio denuncia a práctica, estendida entre os partidos políticos, de impedirlles aos cámaras a gravación de imaxes dos seus actos, baixo o pretexto de que xa ofrecen un sinal realizado para todas as televisións. Este tipo de actuación cuestiona a pluralidade dos medios, que se ven así obrigados a ofrecer a imaxe que pretende dar unha determinada formación política.

Algo semellante acontece coas valoracións gravadas en audio que algunhas institucións e partidos lles envían ás emisoras de radio. A práctica é censurable cando o político accede a iso, pero se nega a atender á emisora que pretende obter esa valoración a través das súas propias preguntas. O CPXG aconsella a xornalistas e medios que reflictan nas súas informacións as condicións que impoñen as institucións públicas e os partidos políticos nas súas convocatorias, con especial énfase nos casos nos que se impida formular preguntas.

17/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión