O coñazo de Rajoy


Iago Castro

"Mañana tengo el coñazo del desfile... en fin, un plan apasionante". Por unha vez e, por Deus, que non serva de precedente, estou de acordo con Mariano Rajoy. Un desfile militar é un coñazo impresionante, sobre todo para os que tivemos a desgraza de ver os touros dende a barreira, quero dicir, vestidos de caqui naquela historia, aquela especie de coñazo obrigatorio que duraba ano e pico, que chamaban "a mili".

Despois do éxtase patrioteiro do pasado ano por estas datas, aquel mensaxe medio institucional cun Rajoy serio e coa rojigualda de fondo, máis cedo que tarde acabamos por descubir o que pensa de verdade o líder do PP. Porque os políticos son coma nós. Si, incluídos os do PP. E antes e despois acaban por descubrirnos a súa faciana humana.

Corina Porro, por exemplo. Outra pepera. Ninguén a lembra na súa época de conselleira con Fraga facendo intentos desesperados por falar unha especie de castrapo? Pois agora, sen responsabilidades institucionais, ten as cousas máis claras: o galego é un coñazo, un idioma que inventaron dos do Bloque para amolar, máis que nada.

E que dicir do propio Fraga? O PP de Galiza vota unha condena ao franquismo no Parlamento e Don Manuel volve do alén: non me dean o coñazo otra vez coa ditadura, e nonteñomáisquedicir....!

Pobriños. Os cidadáns pasamos a vida a dar a lata, e así lles vai, sufridos paladíns da democracia e da representación popular. Ten acaso a culpa Xerardo Criado de que os edís da oposición sexan un coñazo? Non ten dereito a botar unha soneca mentres socialistas e nacionalistas non din máis ca sandeces? Eu non estiven no último pleno. Non acostumo asistir, unha porque vivo algo lonxe, e outra porque estas cousas do concello son un verdadeiro coñazo. Se chegara a estar, pediría á oposición un tempo morto para, entre todos, arroupar e cantarlle unha canción de berce ao alcalde, bendito el. Despois de todo, supoño que arrastraría o cansanzo da intensa actividade oficial por Collado Villalba, no marco desa alianza estratéxica que tanto está a aportar ao futuro do noso pobo. Alguén que se preocupa tanto polos seus concidadáns, sexa de día ou de noite, merece outra consideración. Reclamemos unha moción para porlle unha cadeira como Deus manda no salón de plenos! Respaldo abatíbel e reposapés para o alcalde xa!

Xa sei que me dirán que hai outras necesidades, pero é que son vostedes un verdadeiro coñazo.


11 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión