O Galego nos cemiterios


Xulio Xiz

Estamos ás portas do Día de Difuntos, celebración que no mundo cristián nos congrega arredor dos lugares nos que repousan os restos mortais dos seres queridos, que é festa para a lembranza dorida dos que se foron, e na que cómpre recordar a lenda que figura no cemiterio de Trobo, no concello de Begonte, na que se recorda que ”Aquí están os nosos ósos, esperando polos vosos”.

Todas as miñas lembranzas en Vilalba están relacionadas co vello cemiterio dos Castros, onde ía todos os anos. Non así no novo cemiterio de Lanzós, onde só teño estado un par de veces.

O tema ven a conto pola chamada recibida de Xosé González, Pepe de Redondela, presidente da Fundación Lois Peña Novo e da Asociación de Funcionarios pola normalización da Lingua Galega, para lembrarme que non hai moito tempo se fixera en Vilalba xustiza a Lois Peña Novo, e que non era nada malo se con motivo de Difuntos, agora e sempre, se poderían facer actos que reivindicasen que as laudas dos nosos mortos, as lápidas conmemorativas, se fixesen en galego, para ir creando conciencia da realidade do galego escrito no noso país, e de xeito especial, nos cemiterios.

Se saímos pola rúa, e conversamos e oímos conversar, podemos concluir – en Vilalba por exemplo- que un oitenta ou un noventa por cento das conversas son en galego. Se falamos de xente maior. Sen embargo, cando escribimos cartas, cando deixamos notas, cando poñemos anuncios, a proporción non é a mesma. E nos cemiterios, por esto saíu o tema, unha proporción mínima cando non é inexistente, en galego.

Eso o que o meu amigo, e especialmente amigo do galego, quere combater. Quere que se somos galego falantes e exercentes o sexamos ata o remate. E que as nosas esquelas nos xornais e nas radios sexan en galego, e as poucas liñas que lembren o noso paso polo mundo, en galego sexan tamén.

É unha loita longa, con poucas esperanzas polo de agora porque a inercia é forza poderosa que nos marca un xeito de vivir, unha maneira de comportarnos, e ten establecido neste campo tamén as súas directrices.

Esta mesma asociación, e este mesmo presidente, hai xa varios anos confeccionaron un libro de testamentos en galego, no que por pura cuestión alfabética –Xiz- me coubo a honra de pechar cunha brevísima última vontade en galego para os meus dous fillos. Pero xa había moito tempo, coido que arredor de vinte anos, que a miña muller e máis eu fomos os primeiros lucenses que fixemos testamento en galego, documento non público pero que é proba de que hai cousas que se poden facer con toda naturalidade aínda que toda a corrente vaia en sentido contrario.

O de facer testamento cando tiñamos arredor de corenta anos non foi porque tiveramos moito que deixar ós nosos dous fillos, senón porque as cousas feitas non requiren présa, e é mellor testar cando coidas que é axiña que cando un está nas últimas.

En fin, que o do testamento pódese xuntar ó das cartas, ó das esquelas, e ó das laudas dos cemiterios. Se nos entendemos en galego andando por este mundo, tamén nos podemos entender cando esteamos no máis aló, e as nosas sepulturass reciban as visitas curiosas dos que queiran pescudar quenes os antecederon a andar por esta terra. Que nos lean en galego, aínda que só sexa nome e datas, e eso de que “a túa familia non te esquece” ou o desexo de que “descansemos na paz do Señor”.

Desexando que a sentencia que mencionamos como campante no cemiterio de Trobo de “Aquí están os nosos osos, esperando polos vosos” sexa verdade pero tardando moitos, moitos anos, pecho aquí o tema, agardando que as mil primaveras que para a lingua desexaba Cunqueiro cheguen tamén a sectores por agora moi alonxados do idioma galego.
O descanso eterno dunha persoa, mentras os seus restos mortais podrecen nun cemiterio, pode facerse moi ben á beira dunha lápida en galego.

Fotografías: Paulo Naseiro

28 de out. de 2008

1 comentários :

  • Non se acaba de compreender a esquizofrénia dalgunhas persoas diante da língua galega. Hai unha radioemisora en Vilalba que radia as necrolóxicas en galego, pero despois poñen nos ramos , "tus hijos no te olvidan" e nas campas "falleció el tal de tal", cando é que o/a señor/a, galego falante de por vida, non tivo outra cousa que "fillos" que prometen "non esquecer" e non é que "falleciera" senón que morreu. Mandar manda moito carallo!
    Parece como San Pedro pertencera á argallada esa de "Galicia Bilíngüe", e o que chegue ao ceo falando galego vai de lado...

    18:39 do 29 de outubro de 2008

Danos a túa opinión