O lanzamento de Xornal de Galicia, en marcha


Redacción

O nacemento dun xornal sempre é unha boa noticia. Unha nova empresa de comunicación de capital galego, impulsada polo Grupo San José, que preside Jacinto Rey -na fotografía-, prepara o lanzamento dun diario de información xeral que terá difusión en toda Galicia, con especial atención ás súas grandes áreas metropolitanas. Baixo a cabeceira Xornal de Galicia, a redacción do diario estará integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego, dirixidos por José Luis Gómez, que contará con María Val como subdirectora. Actualmente en fase de deseño e posta en marcha, o lanzamento de Xornal de Galicia e de xornaldegalicia.com está previsto para este outono.

Con varias redaccións, un innovador sistema de edicións e unha marcada vocación galega, plural e independente, Xornal de Galicia ten entre os seus principios fundacionais a defensa dos intereses de Galicia. O diario nace en versións impresa e dixital como un medio aberto ás distintas sensibilidades presentes na sociedade galega, e apostará dende un principio por reforzar os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, dende a máis absoluta independencia.

A empresa Xornal de Galicia, S.A., editora do diario, está integrada en Udramedios, a cabeceira da división de medios de comunicación do Grupo San José. Con sede en Pontevedra e presencia en máis de dez países de tres continentes, San José é unha multinacional que opera en diversos sectores (construcción, inmobiliario, concesións e infraestructuras, servicios, tecnoloxía, enerxía, e comunicación) e que durante o pasado exercizo económico tivo uns ingresos superiores aos 1.550 millóns de euros, cun crecemento do 19% sobre 2006. Recentemente, Grupo San José deu un novo paso na súa fusión con Parquesol, que culminará coa súa cotización en bolsa.

O director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez (Brión, 1958) foi director de La Voz de Galicia, director de Coordinación Editorial do Grupo Zeta e director da revista Capital. É editor do diario dixital xornal.com. Pola súa parte, o xerente de Xornal de Galicia, S.A. é Francisco Xavier Martínez Cobas (Vigo, 1968), profesor da Universidade de Vigo, da que foi vicerreitor. Tamén foi director xeral do R.C. Celta.

3 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión