O país dos minifundios


Moncho Paz

Nun momento no que o Goberno autonómico está a acometer un importante cambio sobre a cuestión urbanística en Galicia, onde o feísmo e a falla de plantexamento son -a comezos do século XXI- as características fundamentais, recibimos a visita de Sir Peter Hall.

Considerado unha autoridade en materia urbanística, Peter Hall (Londres, 1932) é profesor de Planeamento e Rexeneración na Bartlett School of Architecture da capital británica, un dos centros máis prestixiosos a nivel europeo. A súa visita a Galicia, para inaugurar un congreso en A Coruña, foi recollida por distintos medios de comunicación.

Preguntada a súa opinión sobre a existencia de tres aeroportos na nosa Comunidade, a súa resposta foi do máis razoábel: “Para mín non ten moito sentido… A política máis efectiva é construir un só aeroporto conectado a unha excelente infraestrutura ferroviaria e de autopistas”.

Ten que vir alguén de fora a dicilo e, deste xeito, a lembrarnos que seguimos perdidos en localismos que non conducen a ningures. Porque Galicia é o país dos minifundios: con tres aeroportos, tres universidades e seis campus, onde as deputacións provinciais –organismo decimonónico- seguen a controlar o territorio, un territorio que segue sen estar ordeado. Deixémonos de lerias. Unha das causas do noso atraso -económico, social e cultural- é precisamente esa actitude, tan inimiga do modernismo, de barrer para casa, sen matinar no ben común. Temos asignaturas pendentes dende hai moito tempo; unha delas, a comarcalización e o fortalecemento do papel das vilas.

O apuntaba hai uns días un compañeiro de profesión e amigo, chairego de Sancobade, para máis datos. Antón Cendán Fraga, que na súa columna semanal en El Correo Gallego, indicaba: “A comezos dos anos noventa, dende distintos ángulos políticos galegos formulouse por vez primeira a función que poderían desenvolver as comarcas nas relacións entre as Administracións e os cidadáns. Pero aquela aventura durou pouco, por non dicir que foi relegada ao caixón das lembranzas ante a presión de distintas varonías políticas da época, temerosas de perder os seus privilexios…”.

Cunha estrutura territorial obsoleta, pouco moderna e sometida a privilexios clientelares, o actual Goberno da Xunta ten pendente para a vindeira lexislatura aprobar este exame. Non deben esquecelo cando se poñan a elaborar o temario do acordo programático. E, por certo, benvido Mr. Hall, e grazas.

16 de out. de 2008

1 comentários :

  • Vaia oh, un centralista galego. Meu, ten vostede toda a razón, é que o localismo é o contrario ao nacionalismo (identidade e acción que une, tomado en sentido positivo). E xa se sabe contra a identidade propia como pobo, mellor el coruñesismo, el apostalismo, o el olivismo, o caso e ser local e diferenciarse, logo globalizarse no USAismo. Ol raijj ou non Ol raijj

    17 de outubro de 2008, 09:17

Danos a túa opinión