Odiosas comparacións


Iago Castro

Recoñezo que Rouco Varela me esperta antipatía, e coido que non son o único. Moitos dos que tiveron algún contacto persoal co arcebispo de Madrid senten, dígano ou non, a mesma sensación. Sen embargo, até hai un tempo recoñecíalle unha certa altura intelectual, ben que matizada, como é lóxico, pola carga dogmática da súa condición eclesial.

Pero agora nin iso. Entendo que a simplificación das mensaxes é necesaria para centrar os debates naquelas cuestións que máis interesan aos grandes grupos de presión como a Igrexa católica, pero unha persoa que se ten por docta non pode, a risco de facer o ridículo, dicir calquera barbaridade.

Rouco acaba de comparar o que el chama “laicismo” co nazismo. Así, cru e sen patacas. E aínda pretende ser unha especie de “guieiro” para os católicos españois, como se se non fosen máis ca un rabaño de parviños que tragan o que lles boten.

Porque, imos ver. Para empezar, iso que califican como “laicismo” non é ningunha ideoloxía. Para o contínuo afastamento dos europeus, dende o século XVIII, senón antes, da dogmática católica e da relixión en xeral, motivada en boa parte pola perenne inmobilidade eclesial e a negativa da Igrexa a adaptar a súa mensaxe aos tempos, en lugar de velo como un fracaso sostido da praxe vaticana, inventaron un inimigo imaxinario chamado “laicismo”. Persoalmente, non coñezo a ninguén que milite nesta, como chamarlle, ideoloxía? Non hai ninguén que se declare “laicista”. É o discurso oficial católico o que, xuntando todos aqueles elementos que non “comungan” coa súa doutrina, inventou este coloso ao que botarlle as culpas do que non é máis ca un contínuo fracaso propio. Pero, en fin, se así son felices...

O que hai que matizar moito, onde hai que ter moito coidado, é na cuestión do nazismo. Non é a Igrexa católica quen poda dar máis leccións nesta espiñenta cuestión. Lembremos algunhas cousas importantes: o propio Estado Vaticano, reflexo dos desesperados esforzos papais por gozar de poder temporal –onde queda aquelo de “a Deus o que é de Deus...”-, foi creado en 1929 grazas á xenerosidade de... Benito Mussolini... Se cadra o agradecemento eterno da Sé romana explica as excelentes relacións que mantén a Igrexa italiana hoxendía cos máis disparatados dirixentes políticos neofascistas.

Na Alemaña de 1933, algúns bispos católicos opúñanse á ideoloxía nazi. Foi o cardeal Pacelli, futuro e controvertido Pio XII, e na altura secretario de estado vaticano, quen os obrigou a revisar esta oposición cando estaba a piques de asinar un concordato co réxime nazi. O católicísimo Franz von Papen non dubidou en declarar que “nos, os católicos alemáns apoiaremos con toda a nosa alma e plena convicción a Adolf Hitler e o seu goberno”. Se cadra por iso recibiu das mans de Pacelli unha elevada condecoración papal, a Grande Cruz da Orde de Pío. A Igrexa católica, a diferenza dunha parte dos protestantes alemáns, non dubidou en someterse aos dictados hitlerianos. O artigo 14 do Concordato rezaba: “O nombramento de arcebispos, bispos, e outros polo estilo emitirase só despois de que o Gobernador instalado polo Reich, se asegure debidamente de que non existen dúbidas respecto a puntos políticos xerais”.

Claro que o nazismo axiña decepcionaría á xerarquía católica. No medio do que o réxime denominou “a loita das igrexas”, os prelados alemáns urxiron a Roma a que os defendera dalgún xeito. Ese é o clima onde xorde Mit Brennender Sorge, a famosa encíclica de marzo de 1937 que, máis ca unha crítica aos excesos no nazismo, semella unha defensa dos privilexios eclesiais. Aínda así, un ano despois, o cardeal de Viena, Theodor Innizer daba o seu apoio entusiasta á Anschluss, a anexión de Austria pola Alemaña nazi, e incluso remataba a súa exortación ao voto favorábel no plebiscito do 10 de abril de 1938 cun significativo “heil Hitler”. Sen comentarios. Como premio, recibiu unha implacábel persecución dos nazis, que incluso estiveron a piques de linchalo no seu propio pazo.

Na mesma altura, o Vaticano, a diferenza dunha presa de prelados locais, pouco tivo que dicir cando a política de “hixiene racial” a través da euxenesia e a eutanasia forzada campeaba na Alemaña nazi, para vergoña da humanidade enteira.

O controvertido papel de Pio XII, que aínda se discute amplamente, na Segunda Guerra Mundial é, como mínimo, desacougante. A Igrexa defende a Pacelli ofrecendo cifras de xudeus salvados grazas á acción do Vaticano, cousa louvábel, pero agochan as dos nazis que escaparon da acción da xustiza polo mesmo camiño.

E que dicir do “nacionalcatolicismo” español, da “Santa Cruzada”, do “Caudillo por la Gracia de Dios” entrando baixo palio nas igrexas... Aínda hoxe, en 2008, cada 20 de novembro hai misas en sufraxio da alma de Franco...

Asi que, un pouco de mesura, señor Rouco. Teña coidado coas comparacións que, como mínimo, se lle poden volver en contra.

Sinatura do Concordato Vaticano-Alemaña en 1933.
Sentado, no centro, o futuro Pio XII. O segundo pola esquerda é
Franz von Papen. O que aparece á dereita da imaxe, de pe, é un
diplomático vaticano chamado Montini, que pasaría á
historia como Paulo VI.


19 de out. de 2008

2 comentários :

  • Ola, son un profesor de Historia que caín de casualidade neste blogue. Me gustou moito este artigo, compartindo o que dis sobre Rouco e a Igrexa (non sabía o do laicismo). Atrevinme a copialo e pegalo no blogue da Asociación á que pertenzo, xa que imos organizar un curso para profesores sobre laicismo. Moitas grazas.
    http://www.blogoteca.com/sinenomine/

    25 de outubro de 2008, 12:29

  • Moi ben Iago, moi ben. Penso que persoeiros da suposta categoría intelectual de Rouco Varela non nos deberían ocupar unha liña, pero por desgraza danlles todos os días canchas nos xornais e ocupan páxinas enteiras. Rouco fala moito de moralidade, ula é a súa moralidade?. Porque non se ocupa dos problemas do Terceiro Mundo e da fame que alí se pasa, mentres el se viste de gala para dar misas multitudinarias, nas que critica abertamente as modernas formas de familia. Se no Reino de Deus collemos todos, porque Rouco exclúe a gays, lesbianas, divorciados e tantos outros colectivos?. A súa postura e a da Igrexa en xeral é, sinxelamente, lamentable, triste. Como aficionado á historia pareceme non só unha aberración senón unha barbaridade o de comparar laicismo con nazismo. A moral laica non é atea, senón liberal, é dicir que todos podamos escoller as crenzas que nos guste e non os sucesores do Torquemada. Tampouco Rouco está en condicións de dar leccións de familia, cando a él lle chaman PADRE, aínda que de pai teña o que eu de crego. Eu si son pai dun fermoso neno, o máis guapo do mundo, por iso, por que é meu fillo. Aceptaría consello de calquera persoa que me o dese para a súa educación, pero non do señor, que para min non é monseñor, Rouco Varela. A mín calquera pode darme leccións de calquera tema, agás alguen tan pobre en todos os sentidos coma os que seguen a predicar a Santa Cruzada ou outras consinas violentas que padecimos durante moito tempo.

    Xan do Muíño

    29 de decembro de 2008, 18:53

Danos a túa opinión