Premios Chano Piñeiro e Cine Galego-Arxentino


Redacción

O I Encontro de Exaltación e Promoción do Cine Galego-Arxentino terá lugar a mediados de novembro, organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta en colaboración co Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais arxentino. No marco deste encontro entregaranse os premios institucionais Chano Piñeiro, que este ano acadan a súa terceira edición. Con este acordo de traballo conxunto refórzase o compromiso de colaboración entre estas dúas entidades, co obxectivo de promover a cinematografía de ambos países.

Os premios institucionais Chano Piñeiro, cos que xa foron galardoados xentes do sector tan coñecidas como José Luís Cuerda e Alejandro Amenábar (2006) ou José García e Jaime de Armiñán (2007), teñen como obxectivo, por unha banda, fomentar a creación do audiovisual galego e, por outra, impulsar a proxección da imaxe de Galicia, da súa lingua e a súa cultura nas salas máis prestixiosas do mundo.

Chano Piñeiro -na fotografía- naceu o 12 de outubro de 1954 en Compostela e finou prematuramente o 21 de marzo de 1995. Foi considerado unanimemente o director galego por excelencia ata a década de 1990, na que comeza a despuntar o cine no noso idioma. Encarnou coma ninguén a ansia por facer cine en Galicia e en lingua galega.

06/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión