A térmica d´As Pontes, a máis contaminante de España

Acción recente de Greenpeace coa proxección de textos de
protesta nun grupo da Central Térmica d´As Pontes


Iago Castro

A organización ecoloxista Greenpeace ven de facer público o seu informe El carbón en España: un futuro negro, que cuestiona a aposta estratéxica do goberno español polo carbón como reserva enerxética fronte aos vaivéns do petróleo.

Greenpeace sitúa nun ranking as 22 centrais térmicas que operan no Estado español, que aportan un 23% da produción enerxética total e son responsábeis do 64% das emisións de CO2 do sector. Estas grandes contaminadoras importan o 60% do carbón que consumen, o que volve ridícula a consideración estratéxica do sector. Pero, entre todos, subvencionamos esta ruína con máis de 2.500 millóns de euros ao ano. Pagamos, en fin, por unha enerxía que nos retorna merda e miseria cando a verdadeira aposta estratéxica da Península Ibérica deberan ser as enerxías renovábeis.

A térmica d´As Pontes, esa mesma que coñecen ben os agricultores e gandeiros do norte de Galiza, Asturias, a Fisterra bretona e o sul de Inglaterra, a que nos agasalla con chuvia aceda dende hai trinta anos, situouse nos últimos anos por riba das emisións de CO2 asignadas por Kioto nunha media de máis do 20%. Así, entre 2005 e 2007, cunha cota asignada de 7.200.226 toneladas anuais, veu emitindo un total 9.121.027 ou, o que é o mesmo, un 26,68 % máis, e sen que se rexistren accións significativas de redución.

O ranking das top10 de emisión de merda é este:

1. Central Térmica As Pontes (As Pontes de García Rodriguez, A Coruña)
—Media de emisións (2005-2007): 9.121.027 toneladas de CO2 (o mesmo que emiten 3.040.000 coches ao ano).
—Potencia instalada: 1.400 MW. Ano de construción: 1976

2. Central Térmica de Aboño (Aboño, Asturias)
—Media de emisións (2005-2007): 7.602.693 toneladas de CO2 (o equivalente ao que emiten 2.534.000 coches ao ano).
—Potencia instalada: 903 MW e ano de construción: 1974

3. Central Térmica Litoral de Almería (Carboneras, Almería)
—Media de emisións (2005-2007): 6.998.752 toneladas de CO2.
—Potencia instalada: 1.100 MW e ano de construción: 1984

4. Central Térmica de Teruel (Andorra, Teruel)
—Media de emisións (2005-2007): 6.828.042 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 1.050 MW e ano de construción: 1979

5. Central Térmica de Compostilla (Ponferrada, León)
—Media de emisións (2005-2007): 5.974.704 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 1.312 MW e ano de construción: 1961

6. Central Térmica Meirama (Cerdeda, A Coruña)
—Media de emisións (2005-2007): 4.400.438 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 550 MW e ano de construción: 1980

7. Central Térmica Soto de Ribera (Ribera de Arriba, Asturias)
—Media de emisións (2005-2007): 3.770.872 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 672 MW e ano de construción: 1962

8. Central Térmica La Robla (La Robla, León)
—Media de emisións (2005-2007): 3.726.287 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 620 MW e ano de construción: 1971

9. Central Térmica Los Barrios (Los Barrios, Cádiz)
—Media de emisións (2005-2007): 3.530.870 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 550 MW e ano de construción: 1985

10. Central Térmica de Alcudia (Puerto de Alcudia, Mallorca)
—Media de emisións (2005-2007): 3.186.722 toneladas de CO2
—Potencia instalada: 510 MW e ano de construción: 1982

Mentres as empresas se reparten os beneficios, todos os cidadáns nos respartimos os custes inmensamente maiores da contaminación, e pagámolo coa saúde, cos nosos medios de vida, ou coa perda da natureza. A recente crise económica ensínanos unha vez máis a lección de que o capitalismo salvaxe outorga as ganancias a uns poucos e non dubida en socializar as perdas. Isto é o mesmo.

A térmica pontesa ficará un día obsoleta (xa o está) e pechará, perdéndose nas brétemas da memoria. Pero o seu rastro ha permanecer por longo tempo en forma de estragos medioambientais. Proben a ver dende Google Earth o enorme cráter da explotación mineira que pretenden converter en lago artificial sen un rigoroso estudo de impacto ambiental ou xeolóxico:


Visualizar o mapa ampliado

Para saber máis:
- Desgargue en PDF o informe El carbón en España, un futuro negro

9 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión