Volver ao Insua Bermúdez


Pilar Maseda

Hai tempo que non se me ve en público, eu que gosto de gozar da vida cultural e social de Vilalba. Estiven algo perdida, é verdade, as loitas internas son moi duras e acábase pagando un custo alto, cada vez que unha sobe e baixa do precipicio. Había tempo incluso que non me emocionaba. Estes días pasados que comezou o curso escolar, na familia Mato-Maseda, na miña familia, xurdiu un grande acontecemento: a primoxénita comezaba a súa andaina polas aulas e o recinto do Insua Bermúdez ou Colexio nº 2, pois tal era a denominación que se lle daba cando seu pai e mais eu fumos alumnos do mesmo centro, hai máis de vintecinco anos.

O curioso de todo isto é o conxunto de lembranzas que, coma unha película, pasean pola miña mente, xa que hai tempo que non me emocionaba, é necesario administrar as bágoas e as emocións, despois de chegados os corenta; pero volvendo ás miñas -ou ás nosas- lembranzas do Insua, agora atopo nas caras doutros adultos a moitos dos compañeiros e compañeiras que gastabamos os zapatos correndo polo patio, e que chegan agora cos seus fillos ou vixían á saída do comedor. É inevitable que un formigueo pase pola pel cando vexo as aulas, os pasillos, a Dirección...

O recinto ten cambiado algo dende entón, pero aínda queda a nostalxia na miña alma. Cantos poemas teño recitado arredor das columnas do patio! Publiquei os meus primeiros sentimentos na revista A Pravia, que precisamente fundamos naqueles anos. Tiñamos por vez primeira o galego como materia na escola, que a moitos nos abriu a conciencia de lingua propia. Tamén foi para min o comezo da ruptura coas diferenzas de clases, dado que ata entón se nos ensinaba que o galego era a lingua da aldea, e non da vila. Séguense arrastrando aínda hoxe moitos destes complexos na nosa sociedade; non serei eu quen diga que renega do castelán, despois de todo na miña xeración e nas anteriores foi a lingua de aprendizaxe. Creo na convivencia, o resto é pura hipocresía, pero é necesario que os nosos fillos coñezan e saiban recoñecer as súas orixes neste mundo global.

Estaba a falar de lembranzas e cáseque fago un manifesto; porque así era eu, rebelde. En certa ocasión, sendo xa alumnos de 8º da EXB a comezos dos anos oitenta, cando se falaba de "cambio", eu semellaba unha libertaria, como soe dicir o meu amigo Moncho Paz. Para protestar por unha inxustiza contra os alumnos escribín nun daqueles encerados -nos que os meus fillos escribirán algún día- a sentenza de "Máis vale morrer de pe que vivir sempre axeonllado". Como delegada da clase pareceume unha mensaxe oportuna, pois querían deixarnos sen excursión de fin de curso despois de ter traballado moito vendendo lotería. Naquel intre entrou na aula o director, “Don Varela”, que preguntou quen fora o autor daquelo; levanteime e díxen: Fun eu! Coma sempre, olloume con autoridade, e con respecto pediume que borrara o encerado e que non se volvera a repetir. A verdade e que o vexo pouco, pero cando coincidimos aínda segue a chamarme "a nosa poeta".

Estaban tamén Chema G. Barcia, que impartía Lingua e literatura española , e falaba do respecto mutuo, aconsellándonos que deberíamos ler a prensa, de feito lembro que sempre levaba El País baixo o brazo; Antón Castro, membro de Fuxan os Ventos, que impartía galego e teatro, ao seu carón demos vida a Unha Espiñiña de Toxo chamada Berenguela e descubrimos Castros, Mámoas e Medoñas e, como non, comezamos por indagar na historia da prensa en Vilalba e na vida dos seus escritores e poetas.

Dende entón ata agora aquelo axudou a dar un sentido as nosas vidas e as nosas inquedanzas. Nesa época viu a luz A Voz de Vilalba, en cuxas páxinas eu vertía as miñas verbas de cando en vez en forma de poemas, ata hoxe en día. Podo dicir que me considero afortunada: aquelas vivencias, aquelas inquedanzas, gustaríame agora que as tivesen os meus fillos.

Había máis mestres que fixeron un bo traballo, sería inxusto non lembrarse deles, pero a nos atraíannos os "progres", aqueles mozos de vinte e tantos anos, que querían impresionar aos seus discípulos. Non podo evitar pensar en Benedetti e no seu poema Pasatiempo, do libro Viento del exilio:

Cuando éramos niños/ los viejos tenían como treinta/un charco era un océano/la muerte lisa y llana/no existía./ Luego cuando muchachos/los viejos eran gente de cuarenta/ un estanque era océano/ la muerte solamente/ una palabra. /Ya cuando nos casamos/los ancianos estaban en cincuenta/ un lago era un océano/la muerte era la muerte/ de los otros. / Ahora veteranos/ ya le dimos alcance a la verdad/ el océano es por fin el océano/ pero la muerte empieza a ser/ la nuestra.

Pasou o tempo e, como dicía o "Guedelliñas" (Xosé Luis García Mato):

O tempo é fondo e longo./É un vello pelengrino sen paraxe/ que xamais foi novo./O tempo sempre foi un vello canento/ e un pelengrino tolo./ O tempo.../non ten remate nin comenzo.

Quero enviar unha forte aperta aos compañeiros de entón, e só lle pido á vida que sempre haxa polo que loitar, que non se perda o respecto aprendido e que non nos confundan os tempos, os pasados e os que quedan por chegar. A todos eles con agarimo, en especial a Moncho, Paulo e Mario.

10/10/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión