Chairegos de honra


Redacción

Xosé Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda foron investidos Chairegos de Honra nun acto organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos, e celebrado o sábado 15 de novembro no Muíño do Rañego de Vilalba.

A pedagoga Antía Cal e os escritores Marica Campo e Ramón Regueira lembraron os anos da emigración en Arxentina e Cuba, a fecunda obra literaria da parella, os máis de cincoenta anos que levan xuntos, o retorno a Galiza en 1992 ou o compromiso co galeguismo de Anisia, cubana de nacemento. Esta, pola súa banda, amosou o seu orgullo por ter asistido a un mítin de Castelao, cando contaba con seis anos de idade, na súa provincia natal de Ciego de Ávila, e lembrou como coñeceu a Neira Vilas no Buenos Aires dos anos cincoenta.

O autor das Memorias dun neno labrego agradeceu a distinción cun emotivo parlamento no que glosou a súa relación coa Terra Chá e con personaxes chairegos. O acto rematou coa entregra dunha praca e unha vasixa conmemorativa de cerámica de Bonxe, ao que seguiu un xantar de irmandade.

Pódese ver a secuencia gráfica do día, da man de Paulo Naseiro, seguindo o enlace seguinte:

Chairegos de Honra: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda

16 de nov. de 2008

9 comentários :

  • Non sei o que é ser chairego de honra. O certo é que levo moitos anos polo mundo adiante e avergóñome de dicir que son de Vilalba. Sempre digo que son da miña entrañable parroquia. Vilalba leva aparellados moitos nomes nefastos para todos: Rouco Varela, Villanueva que presume de ser aínda que sexa castelán, e toda esa parafernalia do chovinismo vilalbesista que serve a uns determinados intereses. Por certo, Ramón Villares é de Cazás (Xermade).

    17 de novembro de 2008, 19:00

  • Non sei o que significa ser chairego de honra. Levo moitos anos polo mundo adiante e avergóñome de dicir que pertenzo ao concello de Vilalba, que leva aparellado consigo algúns nomes para esquecer: Rouco Varela, Villanueva, que é castelán xa que non naceu na Terra Chá nin ten amigos da infancia. A verdade é que é vergoñoso sentirse vilalbés. Eu presumo de ser da miña querida e entrañable parroquia.

    17 de novembro de 2008, 19:03

  • A min este anónimo xa me está cabreando, porque dedícase a criticar a todo canto personaxe coñecido hai aquí pero... cunha envexa tremenda que se respira ata polo cable de R.
    Eu non estou de acordo coas ideas dalgún destes personaxes tan coñecidos e nacidos na nosa comarca, con Manuel Fraga non comparto ideas, con Ramón Villares desde o meu punto de vista non vivimos tempos gloriosos, precisamente, cando el era rector e eu alumna na Universidade de Santiago, tampouco creo que mellorara moito con Villanueva, non estou nada de acordo con como funciona actualmente a Iglesia, co cal Rouco Varela para min está moi equivocado en como leva o tema, etc, etc Pero aínda así considero que todas estas e outras persoas coñecidas no mundo da cultura, da política, son persoas cunha grande intelixencia,loitadoras e traballadoras, comprometidas co seu mundo e non me considero quen de atacalas dese xeito tan irrespetuoso.
    Cando unha persoa fora de Vilalba me pregunta si son do pobo de Fraga, eu dígolle: non é propiedade de Fraga, é de tódolos vilalbeses, pero si que é verdade que na nosa terra temos o orgullo de contar con numerosas persoas que teñen contribuido a mellorar o mundo, cada un desde a súa posición: periodistas, escritores, políticos, mestres das universidades, etc. Isto deberíanos encher de orgullo porque recoñecer que hai persoas con moito prestixio únicamente engrandece ó resto dos veciños que son iguais de importantes cadaquén no seu oficio, traballo... sempre que desde o seu lugar no mundo traten de convertir en algo mellor aquelo que lles rodea. Así que xa está ben de complexos e envexas.

    De unha vilalbesa orgullosa de selo

    18 de novembro de 2008, 21:20

  • Non dubido do teu orgullo de vilalbesa. Non te coñezo a bo seguro que eres unha magnífica persoa, que o amosa no seu texto. Sen embargo, coido que non interpretache correctamente o que escribín. Tan só critiquei o chovimismo vilalbesista que se respira en Vilalba, ese pseudoeletismo de pobres enfangados en terra de ninguén, nun pobo que, aínda que che desguste, non me sinto orgulloso de selo. Gostaríame que a miña parroquia se escindise de Vilalba, a provincia de Lugo e tamén Galicia, ou
    sexa ser un país aparte, sen ver por ningunha parte aos vilalbeses.

    E vaia para ti o meu saúdo máis cordial e agarimoso.

    Xan do Muíño

    19 de novembro de 2008, 17:09

  • Para Xan do Muíño: Pois se non queres ver vilalbeses: por que andas a ler A Voz de Vilalba? Penso que por aquí pululan algúns dos vilalbeses máis interesantes do momento, como no seu día o foron García Hermida, Mato Vizoso, Carmiña Prieto e tantos outros.
    O que non entendo é o sentido do comentario neste post. A Fundación Manuel María (despois de todo, o "inventor" da Terra Cha), e Xermolos (Guitiríz) homenaxean a un dos meirandes escritores da nosa historia facéndoo chairego de honra. Onde está o problema? Ningún vilalbés anda a fardar de nada.

    Domingos de Racamonde

    19 de novembro de 2008, 17:44

  • Da vilalbesa orgullosa de selo para Xan do Muíño:

    Desculpa entón polo malentendido, pero pareceume que estabas moi queimado con todo, non sei.

    Supoño que en tódolos pobos pasan estas cousas, é propio do ser humán o de presumir e pretender ser o centro do universo, supoño. A min incomódanme as persoas que van pola vida mirando ós máis por encima do hombro, e pensaba que estabas a facer esto mesmo. Pero si o que pasa é que denuncias precisamente este feito, entón paréceme ben. Si que penso que é certo que neste pobo, coma en todos, hai unha serie de persoas que parece que andan iluminadas por algunha luz celestial que lles otorga o don da intelixencia, pero resulta que cando un viaxa, lee, cambia de cidade, abre a súa mente... comprende que sempre hay alguén no mundo mellor que un mesmo, e tamén alguén peor. Mellor ou peor para unha determinada cousa, e peor ou mellor para outras, co cal pouco sentido ten ir pola vida pensando outra cousa. POr exemplo, a min sempre me produce unha sensación de pobo pequeno, pechado,o día do certame literario no San Ramón...

    É certo que o noso pobo necesita modernizarse un pouco, si, pero como vai suceder isto se a xente marcha (obrigada) a traballar a outros lugares, si non ahi ningún tipo de vida cultural, social, etc, si hasta as festas se están perdendo, ata a misa do domingo (para quen lle guste)...

    De tódolos xeitos eu síntome orgullosa de ser vilalbesa e por iso lle desexo o mellor ó noso pobo, eu penso que ti tamén, que o criticas e renegas del porque non che gusta como van as cousas, a min tampouco me gusta o que está a suceder, pero cada un á súa forma pide cambios ¿non?

    Un saúdo

    20 de novembro de 2008, 10:55

  • Para a vilalbesa orgullosa de selo:

    Encántame o teu pensamento. Penso que non estamos moi alonxados nese sentido. É certo que cando saímos fora, cando nos proxectamos, cando coñecemos outras persoas, dámonos conta do que temos na casa. Non digo que sexa o peor, se cadra esaxerei un pouco e hai que ter dignidade para recoñecer os propios erros, pero o certo é que como ti dis, vivimos nun pobo pequeno, moi pechado en si mesmo. Eu agora vivo moi lonxe del. Doume conta dese falso elitismo, dese xeito de malvivir que fan moitos dos nosos paisanos.

    Se queres falara conmigo ou te queres dirixir a min pódesme mandar un email o meu correo que é Castrogal99@yahoo.es.

    Recibe o meu máis cordial e agarimoso saúdo.

    ATTE. Xan de Muíño.

    20 de novembro de 2008, 11:45

  • Saúdos a Xan do Muiño e á vilalbesa orgullosa de selo. Tamén a Domingos de Racamonde e aos outros. Xa vexo que a xente non perde oportunidade para ligar, ata en sitios coma este. Que ninguén se ofenda. Só quería engadir que ser CHAIREGO non implica, necesariamente, ser VILALBÉS. A Chaira, por sorte, é grande abondo para permitir a convivencia de moitas outras especies.
    O dito, un saúdo a todos.

    XB

    20 de novembro de 2008, 17:20

  • Pois independentemente de onde queira ser un, e a pesares da desfeita urbanistica de Vilalba, un é de onde é.Tal vez o que non guste son as persoas, que niso estou en concordancia relativa, pois coido que superan en número os progresistas aos conservadores, estoume a referir aos que teñen méritos demostrados.
    De feito coido que faltan moitos e non sei cal é a causa, a modo de exemplo nomeo :Ramón Chao, Xosé Chao Rego, o Doutor Ramil Soneira que penso merecería unha homenaxe.E da Terra Chá Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade Paredes ou o Mago Antón.A Chaira ten moito e bó, en todos os eidos da sociedade.
    Tampouco é necesario en extremo que Vilalba seña moito máis que unha vila para sentirse máis do mundo, outra cousa é o pensamento conservador que é maioritario.De facto os que sobrepasan a media teñen que se ir para outras partes.
    Penso que o que importa é que os que estamos na Terra Chá abramos máis os ollos, para observar que a nosa vila dentro da Terra Chá é a menos proclive a un cambio político, que nos leve a unha máis amplitude de miras, cuestión esta necesaria para non caer nun ego esaxerado de ser Vilalbés.
    Farruco.

    21 de novembro de 2008, 11:14

Danos a túa opinión