A chegada do dominio .gal pode atrasarse até 2010

Redacción
Parece que talvez o dominio .gal non poida estar operativo antes de 2010 e non en setembro de 2009, o que suporía certo atraso e indefinición por parte da ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers). Por iso, varios membros da Asociación PuntoGal, que desde xullo de 2006 traballa para que as páxinas web de Galicia poidan utilizar un dominio propio en Internet, atópanse esta semana reunidos no Cairo reunidos coa ICANN para negociar os requisitos que deben cumprir as candidaturas a un dominio na Rede.
A súa intención é solicitar publicamente o cumprimento dos prazos previstos e unha aceleración do proceso de solicitude para novos dominios, evitando tanta demora innecesaria. O caso é que até finais de 2009 a ICANN non porá en marcha o proceso de solicitudes, o que supón un novo atraso en relación cos prazos indicados anteriormente. Nesa liña, hai dúas semanas presentou un borrador do documento coas bases da convocatoria para presentar as candidaturas, redactadas en inglés, asegurando que nada impide que poidan estar suxeitas a cambios até o 8 de decembro. Logo traduciranse ás seis linguas oficiais da ONU (árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso) e 45 días despois, publicarase por fin o documento definitivo.
A asociación PuntoGal insiste ante o organismo en que a súa é unha iniciativa fundamentalmente cultural e lingüística e, por tanto, non lucrativa, polo que pediu ademais unha revisión dos criterios económicos.

06/11/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión