Cultur.gal 2008

Redacción
A organización da Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal, adiantou que xa son 75 as empresas, institucións e entidades que reservaron un espazo na reunión deste ano. O evento, que se desenvolverá entre o 4 e o 7 de decembro no Pazo do Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) trasladouse este ano á cidade herculina desde Pontevedra, onde tivera lugar a edición anterior. Cultur.gal quere constituírse nunha plataforma que se erixa en referencia anual imprescindíbel para os profesionais do sector cultural e todas as persoas implicadas neste eido. Nesta segunda xeira está dirixido por Nel Vidal e contará coa participación de editoras, discográficas, empresas do sector das artes escénicas ou de servizos socioculturais e proxectos que relacionan a cultura e mais as novas tecnoloxías. A maiores, na programación asociada ao encontro este ano e de cara ao público xeral, está prevista a participación doutras trinta entidades en eventos coma actuacións musicais, proxeccións, obradoiros, o Foro Letras Vivas, actividades de dinamización da lectura, nas Xornadas de Novas Tecnoloxías, nas de presentación de iniciativas ou no encontro dedicado á normalización lingüística entre outras propostas.

10/11/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión