A exhumación de foxas da Guerra Civil estará coordinada pola Consellaría de Cultura

Redacción
A consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia asume o labor de apoio e coordinación de recuperación dos restos soterrados asesorando aos familiares, tramitando as súas solicitudes e, a través de Patrimonio, realizando os traballos pertinentes de apertura das tumbas e foxas, traballo que, até o de agora, viñan realizando distintas asociacións privadas que reclamaban dende hai tempo que a administración se encargase de coordinar o proceso.
A apertura farase con métodos científicos e coa colaboración tamén de equipos profesionais de arqueólogos, que traballarán respectando os procedementos arqueolóxicos marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.A consellaría tamén unirá a esto dúas accións máis: facilitar toda a información que ten recompilado o equipo As vítimas, os nomes, as voces, os lugares, e chegar a acordos co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago (Imlus) co fin de que participen realizando os traballos de identificación do restos que se atopen. O primeiro realizará os estudos antropolóxico-forenses, mentres o segundo estudará o material xenético dos restos humanos para a súa identificación.
Cultura disporá a partir da vindeira semana de indicacións sobre como realizar as solicitudes de exhumación de foxas para os familiares que o desexen. A tal fin anunciará na súa páxina web o procedemento que deberán levar a cabo os familiares para iniciar os trámites. Para elo buscarase o amparo do artigo 11 da Lei de Memoria Histórica, o que implica ponderar a existencia de oposición por calquer descendente directo das persoas enterradas.
En Galicia están localizadas 26 foxas, así como 11 puntos da costa nos que se realizaron afundimentos de cadáveres, segundo consta nas investigacións do equipo multidisciplinar As vítimas, os nomes, as voces, os lugares, coordinado por Lourenzo Fernández Prieto.
Polo de agora, á volta de Nadal, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica ten previsto realizar traballos de exhumación en dúas foxas en Mondoñedo e Xeve (Pontevedra).

07/11/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión