Pretextos e textos

Mario Paz González
Calquera pretexto que contribúa a achegar aos mozos á lectura na época actual é abondo válido. Sobre todo se serve para axudarlles a dar ese salto, tan difícil por outra banda, desde os necesarios libros de literatura xuvenil, que tanto proliferan hoxe en día, ás lecturas para adultos. Se ese pretexto pasa, ademáis, por achegalos á obra de verdadeiros clásicos contemporáneos de calquera literatura e en calquera lingua benvido sexa.

Hai tempo merquei por casualidade un libro que, naquel entón, por falta de tempo suficiente, pasou a adormecer no limbo dos meus andeis, como ao final remata ocorréndolles a moitos, ás veces de xeito indefinido (aínda que, iso si, sempre en boa compaña). Sen embargo, neste caso, o azar fixo que de novo voltase a toparme con el un día no que andaba (non me avergoña recoñecelo) preguizoso pola casa e na procura dalgunha lectura edificante ou, cando menos, entretida. Decateime entón de que, sen ningunha dúbida, este libro podería ser un deses pretextos aos que me referín nas liñas iniciais deste artigo.

Baixo o título de 39 escritores y medio (Siruela, 2006) reúnense os retratos literarios e pictóricos de varios autores en lingua castelá dos que os cubanos Lezama Lima e Virgilio Piñera forman o «un e medio». Os autores do volume, o xornalista Jesús Marchamalo e o pintor Damián Flores, foron poñendo estes retratos no seu día na rede baixo o epígrafe aglutinador de Viaxeiros e estables na sección «Rinconete» do Centro Virtual Cervantes. A súa xuntanza neste volume constitúe, como proclama o prologuista César Antonio Molina, «un repaso a moitos dos nomes da literatura contemporánea en español», o que inclúe, como é obvio, a autores de ámbolos dous lados do Atlántico, achegando «unha dimensión da súa literatura que se enriquece con todos eses trazos ás veces complementarios, tamén ás veces contraditorios».

Aínda que a selección ofrecida (en orde alfabética) baséase, principalmente, nos gustos persoais dos dous autores, chama a atención a súa amplitude e o seu carácter heteroxéneo, así como certa idoneidade na elección, pois ningunha das reseñas ven sendo, logo de lela, menos atractiva ca outra. Cada un destes sucintos perfís non só contén entre as súas pretensións a de provocar a curiosidade do futuro lector que, talvez, apenas se ten achegado á obra dos escritores incluidos, senón que, ao mesmo tempo, revelará a aquel outro máis avezado aspectos case descoñecidos ou insólitos, pero sempre atractivos, de cada un dos personaxes retratados. Así, imos coñecendo curiosidades como as mexadas extemporáneas de Alberti no Madrid dos anos vinte, a estrambótica orixe (segundo Monterroso) da senlleira fecundidade creativa de Max Aub, como un día a asistenta de Cela ordenou a súa biblioteca para desesperación do Nobel (ou unha anécdota similar que lle aconteceu a Onetti), o sempiterno dandismo de Cernuda, as surrealistas escusas proporcionadas decotío por Macedonio Fernández, as sombrías (e desgrazadamente premonitorias) humoradas de García Lorca, unha máis que curiosa historia relativa á conspicua barba de Oliverio Girondo, a insonorizada habitación do sempre obsesivo Juan Ramón Jiménez, a «casa automatizada» de Oliverio Lanza, o palíndromo (aos que era tan afeccionado) co que Augusto Monterroso sacaba a relucir o seu diminutivo (el que tamén foi tan diminuto, aínda que só de estatura), os case vinte gatos cos que convivía María Zambrano e un longo etcétera. A brevidade dos textos, pero, sobre todo, a frescura e amenidade do estilo co que están escritos, fan que a lectura sexa sempre enriquecedora e calquera cousa menos aburrida.

O libro compleméntase de xeito apropiado cunha concisa biografía de cada un dos escritores retratados na que se inclúen os títulos das súas obras fundamentais e, nalgúns casos, algunhas páxinas web vencelladas a cada autor. En fin, unha proposta saudable de lectura para achegármonos a outras lecturas, pois, no fondo, niso mesmo se basea a cultura, en ir tecendo redes entre uns textos e outros, entre uns autores e outros ou entre uns lectores e outros.


mariopaz@avozdevilalba.com
Ilustración: Damián Flores

39 escritores y medio.
Jesús Marchamalo e Damián Flores.
Madrid: Siruela.
208 p.

24/11/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión