Socialistas vs. Socialistas


Iago D. Castro

O alcalde de Vilalba debe estar pegando choutos de alegría. Non é para menos. Nas anteriores eleccións municipais Criado e o PP local, que non son parvos, viron ameazada por vez primeira a súa perpetua hexemonía no control do Concello e os seus resortes, e temeron non sen razón que o censo vilalbés se sumara á corrente hexemónica que na Galiza lle foi quitando o poder á dereita para poñelo en mans de coaligazóns PSdG-BNG.

Tres elementos xogaban en contra: a propia oleada anti-PP que, cansa das prácticas neocaciquís do partido da gueivota, propiciou a alternancia democrática, o magnífico traballo realizado polo grupo municipal do BNG na anterior lexislatura e o "efecto Veleiro" da candidatura local socialista, que a piques estivo de darlles un bo susto.

Neste ambiente, non estranou que a formación conservadora retomara prácticas de antano, non sempre abandoadas, pero até entón usadas con máis moderación: cálculos electorais baseados nas parroquias clave reforzados cun frenesí de obras, carretaxe a esgalla -todos puidemos ver a certos personaxes, taxistas por un día, achegar votantes unha e outra vez aos colexios, incluso na propia vila- e moitas outras de máis ca dubidosa ética. Pola vía da mobilización, o PP salvou os mobles de milagre, pois milagre é para calquera que entenda un pouco de politoloxía o feito de que nalgunha parroquia, particularmente envellecida, votara o 94% do censo electoral!

Malia o batacazo do BNG, ficou a sensación de que había unha corrente ascendente, de que sería cuestión dunha lexislatura máis afastar do goberno local á facción que ven gobernando sen interrupción dende 1936 (non, non me engano: hai unha continuidade evidente entre os políticos de antes e os de despois).

A Voz de Vilalba ven rexistrando nos últimos días os coletazos da polémica suscitada no seo da agrupación local do PSdG entre os partidarios dos Martín Seco e os de Eduardo Vidal. Non entrarei no fondo das acusacións que uns e outros se dirixen, senón nas súas consecuencias: liquidación do "efecto Veleiro", división do grupo municipal e máis do electorado, neutralización, en suma, do avance conseguido nas últimas eleccións.

Non é isto, señores. Os desexos de cambio dunha parte importante da sociedade, sumados ao desastre sen paliativos que representa a xestión de Criado, e non digamos as súas actitudes, merecerían unha oposición unida, combativa e que proxectara unha imaxe de recambio posible, desexable e necesario. Compre, pois, aparcar as diferenzas, sumar esforzos. Un "ticket" electoral composto por Veleiro, Seco Jr., Vidal e outros destacados militantes de ambas faccións, sería un poderoso motor de cambio. Para iso, ademais, o grupo municipal socialista debería non trabucar o adversario, que non é o BNG, senón o precario e desnortado goberno local.

Cónstame que hai, incluso, militantes do Partido Popular consternados coa división socialista. Son aqueles que entenden que a designación de Criado no seu momento meteu aos populares nun calexón sen saída, que comprenden que a prepotencia, a arroutada e o desprezo polos que non comungan co poder, e aínda por moitos que si, abocan o longo predominio da dereita a un desastre que pode ser irreparable. Serían potenciais aínda que inesperados apoios se se deran as circunstancias necesarias para un cambio, pois saben que só se pode descabalgar á actual dirección perdendo as próximas eleccións, mellor cunha pequena marxe que facilite a renovación popular, pero sen perder a esperanza de retomar no futuro o goberno local.

É cuestión, pois, de fixar prioridades, máis alá dos lexítimos anceios de medre persoal ou de trunfo da propia facción. Compre, primeiro, que deixen de tirarse os trastes á cabeza, que recompoñan o desastre antes de que sexa demasiado tarde. Xa o dixo o alguén: falando enténdese a xente.

9 de nov. de 2008

6 comentários :

  • Era tan boísimo o traballo na anterior lexislatura que pasou de 3 a 1 concelleiro, ese é un comentario moi partidista e moi discutible pola forma de facer política e os temas que trataron. O traballo moitas veces hai que valoralo en todolos ámbitos da política e ser máis xustos e non tan sectarios nos comentarios aínda que se note o que nos gusta a cada un de nós, posto que a subida do PSOE non é tan só polo efecto Veleiro, só hai que ver os resultados das eleccións precedentes ás municipais que xa apuntaban a unha subida histórica, sendo ésta maior ao contar con elba veleiro na candidatura.

    15:49 do 9 de novembro de 2008

  • Eu non vexo sectarismo ningún no artigo. Máis ben todo o contrario. Pareceme unha análise ben acertada do que está pasando no PSOE vilalbés.E, mentras siguan disparando contra os blancos equivocados, só se vai beneficiar o alcalde. A río revuelto ganancia de pescadores.

    Merche.

    22:35 do 9 de novembro de 2008

  • Baixo a miña humilde óptica o artigo evidencia acerto e obxectividade sobre a situación política da nosa vila. Non sería difícil, por exemplo, facer leña das miserias do noso ínclito alcalde e as súas adoracións nocturnas ou aventuras similares, circuntancia nas que non cae o autor. O que ocorre é que algunhas persoas só ven neutralidade cando a auga vai para o seu muíño e enemigos políticos onde só hai adversarios, creo eu.

    23:45 do 9 de novembro de 2008

  • Tampouco hai que olvidar que os mesmos que agora están reventando, entendo eu que en beneficio propio, a executiva local do PSOE son os mesmos que no seu momento romperon a estructura do BNG.Este chegou a recompoñerse un pouco, debido á dimisión dun concelleiro e logrou 3 actas que non sei si traballaron ben ou mal,cadaquén que opine ó seu xeito, en todo caso baixaron 2 actas de concelleiro ao mesmo tempo que non deron lugar a un goberno de progreso por non facer as cousas con xeito e que debería estar actuando nestes momentos.Foi o PSOE o que có seu ascenso casi logra o impensable en Vilalba. Agora coas turbulencias inducidas por certo sector que non é o clásico do socialismo no Grupo Local do PSOE, fixeron fraco favor a cidadanía Vilalbesa, pois a súa actuación deixa aos votantes progresistas despistados ao tempo que o Grupo do PP se establece con máis forza, por non ter contrincante á sua altura.
    Neste intre si tiveramos que escoller o Goberno Municipal, sería moi probable que o PP medrase en votos e concelleiros.
    Agardemos que tanto BNG como PSOE logren alcanzar unha estabilidade que faga creer aos posibles votantes que o CAMBIO inda é posible.Mentras tanto tamén toca traballar arreo, para chegar a ese Porto do Cambio que tanta falta ten o noso Concello, por simple cuestión democrática.
    Os feitos están como están, son os Responsables de BNG e PSOE os que teñen que variar o rumbo, ao tempo que crear confianza nun electorado xa de por sí reacio aos cambios, eles son os responsables de tanta incerteza nos votantes Progresistas.De ambos depende que chegue aire novo para un Concello, no que concordo con Paulo Naseiro, que nunca tivo cambio dende o 36.
    Non deben nin poden xogar có electorado do xeito que o fan,ás veces fartase de loitas de partido que non benefician ao conxunto da sociedade e esta resposta coa MAQUINARIA sempre disposta da DEREITA, DA CAL ESTAMOS FARTOS.

    18:36 do 10 de novembro de 2008

  • Grazas polos comentarios, tanto favorábeis como contrarios. Ao primeiro comentario, dicirlle que trato de non ser "sectario", e que non teño militancia política ningunha. Ao anónimo anterior, alédame que coincidas coa miña opinión, pero teño que dicirche que o artigo é meu, non do Naseiro, como ben indica a sinatura. Un saúdo a todos

    Iago Díaz Castro.

    20:49 do 10 de novembro de 2008

  • As miñas disculpas polo fallo de atribuir a Naseiro o que é de Castro.
    A deus o que é de deus e ao cesar o que de él é.

    13:01 do 12 de novembro de 2008

Danos a túa opinión