60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Redacción
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 é o resultado dun proceso secular de declaracións de dereitos que celebra o 10 de Decembro o seu 60 aniversario. Foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1948 conta cun preámbulo e 30 artigos que establecen unha ampla gama de dereitos humanos e liberdades fundamentais aos cales todos os homes e mulleres teñen dereito, independentemente do lugar onde vivan e sen distinción de ningún tipo.
A Declaración foi redactada por representantes de todas as rexións e todas as tradicións xurídicas. Co tempo foi aceptada como un contrato entre os gobernos e os seus pobos. Practicamente todos os estados aceptárona. A Declaración tamén serviu de fundamento a un sistema de protección de dereitos humanos en expansión que hoxe se estende a grupos vulnerables como persoas discapacitadas, pobos indíxenas e traballadores migratorios. O feito de seren estes dereitos recoñecidos en todo o mundo debémolo, en boa medida, ás persoas que se sacrificaron e mesmo deron a súa vida por facelos realidade.
Certamente, poderíase dicir que nestes últimos 60 anos temos mellorado, se ben de maneira moi desigual en moitos dos diversos contextos vencellados ás persoas e os pobos. Sen embargo, aínda seguen a producirse moitas violacións de dereitos humanos que, por desgraza, seguen a ter a máis tráxica actualidade como a tortura, a violencia de xénero e o éxodo que se produce nas peores condicións para saír do propio país e atopar, quizabes, a morte.

Co gallo do sesenta aniversario da Declaración en Galicia terán lugar algúns actos diversos dos que citamos algúns destacados.

Por exemplo, o vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo un acto cívico no que se presentará o libro “Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz”, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares. Para o mesmo o Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) elaborou un tríptico cun cartaz e unha declaración. A celebración terá lugar o vindeiro 10 de Decembro.
O acto será conducido por Manuel Romón e contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de “Literatura Galega pola Paz”. Haberá lectura do texto da Declaración por parte de alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo, actuacións musicais e unha emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega, o Seminario Galego de Educación para a Paz e o Colexio de Avogados de Santiago conmemorarán o día 10 de decembro, a partir das 10 horas, os 60 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948-2008). Haberá actuacións musicais, lectura pública da Declaración e intervencións dos titulares das institucións convocantes, Ramón Villares, Manuel Dios e Evaristo Nogueira, e dos presidentes da Fundación Cultura de Paz e da Asociación pro Dereitos Humanos, Federico Mayor Zaragoza e Manuel Ollé, respectivamente. O programa desenvolverase no salón de actos do CCG.
Grazas a que existen máis de 360 versións en igual número de idiomas, as organizacións das Nacións Unidas en todo o mundo están a utilizar este ano para dedicarse prioritariamente a axudar a que todas as persoas en todo o mundo coñezan os seus dereitos humanos. A Declaración Universal de Dereitos Humanos foi o primeiro recoñecemento internacional de que todos os seres humanos teñen dereitos e liberdades fundamentais e segue sendo hoxe en día un documento vital e válido.
Le completa a Declaración Universal dos Dereitos Humanos picando aquí.

06/12/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión