Cartas a Antón


Bernardo García Cendán
Lugo, 19 decembro do 2008

Meu amigo Antón:

Xa andamos nas Navidades outro ano máis, e con esta carta quero manifestarche, meu burlón amigo, a miña felicitación. Por certo, non sei se será politicamente correcto dicir iso de Navidades, ou Nadal ou Natal, nestes tempos nos que algunha xente anda moi preocupada pola supresión de linguaxes relixiosas e pola conseguinte implantación dunha linguaxe laica. A Igrexa, segundo eles, xa dominou tempo dabondo ao persoal. E, se cadra, teñen algo de razón. Habería que o discutir, pero agora non teño ganas. Ao mellor nesta carta tería que che dicir simplemente: boas festas de invernía. Pero en fin, se lles pedimos desculpas aos nosos oíntes máis puntillosos, e se teñen en conta a miña condición sacramental e a túa de cachazudo tradicionalista, non creo que se nos alporicen en demasía. Así que, meu Antón, que teñas boas festas natalicias ou renatalicias, é dicir, que renaza en ti cada día o misterio do Amor. Do amor de verdade, claro, porque para o outro xa vas indo algo vello de máis.

E, para que todo comece ben, non te prives de gozar dese preludio festeiro, neste caso laico de todo, que nos oferta a nosa vila desde tempos remotos: a feira dos capóns, unha palabra, por certo, ben simbólica no senso máis literal e material do termo. Seguro que has estar alí ben cediño, no Cementón, baixo da carpa prodixiosa, mesturando as túas palabra quentes coa friaxe do ambiente para elaborar ese bafo invernal que che invade o rostro por baixo da inevitable boina. Non sei se mercarás ou non, porque, como me di sempre a túa dona, es cutre dabondo; pero estou seguro de que non has deixar de axudarlle aos teus fillos a detectar os mellores pitos que, ás veces, non son precisamente os elixidos polos entendidos para darlles os premios do Concello. Nunca se me esquece o espectáculo de te ver a ti en actitude competitiva co noso amigo Domingo Somoza, que Deus teña na gloria, para conseguir en bo prezo aqueles pitos que seguramente non eran os máis aparentes, pero dos que vós coñeciades, pola experiencia que non dan os estudos, a súa excepcional calidade. Domingo sempre me explicaba que o máis da xente non se apercibía de que seren os bechos grandes coma bois non indicaba precisamente que fosen os mellores. E ti tamén o sabías. Así que ti preguntabas o prezo e, cando cho dicían, poñías cara de sarcástica sorpresa e íaste dalí coma quen se burla das pretensións dos vendedores; pero, iso si, sen perder de vista quen se achegaba a velos. Se o posible pretendente era o Domingo, ti retornabas de súpeto para que non chos levase, pero tendo coidado de que a pugna entre os dous non aumentase en exceso o prezo inicial que puxeran os vendedores. O importante era que, entre os dous, puiderades convencer ao criador de que os seus capóns non eran malos, pero non pasaban de regulares. Faciades así un xogo moi curioso do que eu teño gozado moito. Era, nin máis nin menos que o xogo do mercado en estado puro. Agora xa non teño moi seguro que se dean estes xogos de tácticas e estratexias, porque, entre outras cousas, paréceme que, en realidade, xa non queda apenas feira. Polo que me din, os máis dos capóns véndense nas casas e os que van á feira non son máis ca produtos residuais. De feito, estes anos pasados aí polas dez e media da mañá xa non se percibía o mercadeo: non quedaba máis ca ruído de gaitas e charangas que non permitían nin sequera escoitarse para o regateo. Algúns téñenme comentado que esas etiquetas certificadoras da calidade do animal circulan polas casas dos produtores con excesiva facilidade. Eu non o sei – nunca criei capóns nin nada – pero sería mágoa porque estou convencido de que non é o capón o que fai a feira senón que, ao revés, ven sendo a feira a que, co seu prestixio, transforma calquera pito en capón. De non ser por ese mercado e polas súas garantías, o animaliño non sería máis cun pito ben mantido, pero non o instrumento dalgún agasallo primoroso co que pagar favores. O valor está na chapiña que o acompaña.

Non sei o que cumpriría facer para conservar o espectáculo da feira. Pregunteille aos meus colegas de Facultade, especialistas en marketing, e aínda agardo resposta; pero, en todo caso, os responsables do evento anual deberían meditalo coidadosamente, non vaia ser que, de non facer algo, morra a feira e con ela o prestixio dos capóns que alí se veñen buscar, precisamente por seren admitidos nela.

E nada máis por hoxe. Merca ben e fai todo por ser feliz, nas festas e despois delas, malia todas as crises do mundo mundial.

19/12/2008

1 comentários :

  • Estimado Bernardo: Coido que no aspecto relativo a Igrexa, aínda que eu sexa creínte non practicante ou case agnóstico, lamento que non houbese máis persoas coma ti, daquelas que ían xantar ao bar de Recatelo. Se cadra hoxe non tería tantos inimigos nin se falaría tanto na súa contra. Comparto o que dís sobre a nosa feira do Capón na súa totalidade. Non quero ser pesado. Recibe o meu máis agarimoso saúdo e os meus mellores desexos para ti e todas as persoas as que ti queres para 2009.

    Antonio Cendán

    10:39 do 29 de decembro de 2008

Danos a túa opinión