Cinemas dixitais

Redacción
Para celebrar o primeiro aniversario do programa Cinemas Dixitais da Axencia Audiovisual Galega, o organismo da Consellaría de Cultura e Deporte dedicado ao audiovisual pon en marcha o ciclo "Curtametraxes. O pequeno é fermoso", un ambicioso proxecto de divulgación da produción galega en formato curto no que se amosará un total de 135 curtametraxes dos últimos 25 anos nun ciclo que se poderá ver durante os vindeiros meses en vilas e cidades de toda Galicia. O obxectivo é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes galegas e divulgar unha produción que en moitos casos fica agochada.
Entre as curtas seleccionadas atópanse obras que lograron o recoñecemento fóra de Galiza como "Mamasunción", "Coruña imposible" e "Matachín" apostas arriscadas na procura de novos camiños para o audiovisual galego, pezas de directores que logo se pasarían ás longametraxes ou ao cine, como Chano Piñeiro, Jorge Coira, Beatriz del Monte e Mario Iglesias, e as dalgúns dos directores que poden marcar o futuro do noso audiovisual, como Pablo Millán, Juan Pablo Etcheverry, Jorge Morais e Fernando Cortizo. Esta ampla producción agrúpase en vinte paquetes temáticos, atendendo a xéneros, temas e formatos: a curta documental, a videodanza, a biografía, a curta experimental, a literatura no cine, a Guerra Civil, o mundo rural, a muller, a infancia e xuventude, a comedia, o gore, o drama, o thriller, a fantasía. Cinco paquetes están dedicados á animación: adaptacións da literatura galega, animación en 3D, en 2D, en plastilina e animación experimental.
O programa Cinemas Dixitais púxose en marcha en setembro de 2007, co obxectivo de achegar o cine ás vilas que non contan con salas comerciais, promover as producións audiovisuais galegas e contribuír a estabilizar unha programación audiovisual nos concellos. É a primeira experiencia deste tipo que se desenvolve en toda a Península. Os anteriores ciclos estiveron adicados aos telefilmes galegos, a documentais, a semana do audiovisual galego e a filmes árabes. En total realizáronse 2.158 proxeccións que xuntaron 97.500 asistentes, o que supón unha resposta do público moi satisfactoria aos ciclos de Cinemas Dixitais. Destaca ademais o feito de que nesta rede alternativa de distribución audiovisual teñen cabida pequenos concellos do rural, aos que resulta máis difícil que cheguen de forma habitual as producións galegas e de terceiros países.

03/12/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión