Crónicas dende o Hospital, habitación 428: “O audiófono”

Francisco López

A habitación ten unha fiestra de cristal dobre climatizado, con vistas ao exterior, ampla, con persiana enrolable interior para evitar a molestia da luz, e outra exterior para que esta non moleste. Segundo entras ten o baño con ducha incorporada, esta é sen cunca, tan só un sumidoiro no chan para que trague auga, sen recunchos, para que sexa fácil de limpar con dúas asideiras ás que poder agarrarse. Está todo adaptado para as necesidades do doente e o bo facer da equipa médica.

Nun lado está o lugar das camas, que dispón de tomas de corrente e un interfono para chamar ao control de enfermería e para accionar -e regular- as luces (unha directa, outra indirecta). Semellan coma prazas de garaxe, ou de aparcamento, alí se enchufa o mecanismo eléctrico das camas, cómodas e confortables de colchón de látex, articuladas, con motoriño, que poden regularse a vontade, pulsando no medio se levanta, a esquerda móvense os pes, a dereita o cabeceiro. A temperatura está regulada polo ar acondicionado, unha cadeira, unha mesiña con bandexa e un armario incrustado (para os efectos persoais, roupa e demais) completan o espazo do doente.

Estou nunha habitación dobre, con dúas camas e dous doentes, dúas mulleres, unha na fiestra e outra ao lado, unha nai e outra avoa. A avoa chama solicita axuda, fala e fala, pide e pide, pero semella que as súas verbas non están no idioma común das enfermeiras (todo mulleres), ela é corta de ouvido, moi corta, necesita un audiófono, que ten perdido por algún lugar da cama. Fan chufa dela, lle din que si pero é que non, ela non escoita, pero quen a atende tampouco. Eu, impotente e atónito, me pregunto si se lles haberá extraviado a todos o audiófono.

10 de dec. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión