A feira do capón de Vilalba


Xulio Xiz

Acudín á feira do capón de Vilalba do vinteun de decembro pasado, con afán etnográfico para de novo empaparme do ambiente reinante na miña Vilalba con este motivo. Facía vintedous anos que non viña a esta feira. Foi en decembro de 1986, e daquela aínda se celebraba no polideportivo dos Castros, e lémbroo ben porque aquel ano confeccionamos un video titulado “O capón de Vilalba”, onde contábamos como era a feira, como eran os capóns, como se criaban e como se sacrificaban.

Cambiaron bastantes cousas desde entón, empezando polo mesmo día de celebración, xa que daquela era o día 19 e agora o 21. A razón que se dá é plenamente práctica, xa que antes os transportes eran máis lentos e facía falla máis tempo para que o capón chegase a calquera punto de España, mentras que agora cos transportes vintecatro horas están antes da Noiteboa en calquera punto de Europa. De feito, na mesma feira, no subterráneo inmediato, estaban os de Ramallal que agora como transporte urxente se chaman Nacex facturando sobre a marcha ducias de capós.

O meu fillo e máis eu chegamos algo máis cedo de que se abrise a feira, cun frío competende de menos dous graos, e non moita xente. De feito, cando se abriu a carpa, entramos a cachón pero entramos deseguida e había máis capóns que visitantes. O proceso foise invertindo e a medida que os capóns ía saíndo do mercado ía chegando máis xente, de xeito que pasadas as once quedaban pouquísimos capóns e non se andaba coa multitude.

Ó comezo, un par de caras coñecidas, ou sexa que a maioría eran de fóra de Vilalba. Logo –non madrugamos moito- todo eran caras coñecidas que visitaban a feira coa curiosidade do forasteiro.

Non había tantos capóns como se pensaba, o cal quere dicir que moitos venderon sen ir á feira, polo que o concello tería que pensar en algún mecanismo obrigatorio para que todos pasasen pola feira aínda que xa tiveran vendida a mercancía. De feito, cando a feira se abriu, unhas cantas mesas cos nomes dos criadores ben visibles quedaron valeiras como proba de que non estaban todos os que son.

A min paréceme moi ben o despliegue de medios que o concello puxo a disposición da feira, o gasto en publicidade, a carpa, os grupos folclóricos, a charanga e todo o demáis, pois o acontecemento vale a pena e desde fóra vese como un espectáculo á vez que un negocio, e o tema do capón de Vilalba é moito máis xa que o dun manxar do Nadal, e para Vilalba é carta de presentación por todo Galicia e boa parte de España.

Ó mellor, ademáis de esixir que todos os que quixeran que recoñecesen os seus capóns como capóns de Vilalba pasasen pola feira, habería que apretar as tuercas a todos os participantes para que o nivel de todos os exemplares presentes fose óptimo, xa que algúns dos participantes na feira reunirán os requisitos esixidos pero tiñan pobre presenza, manchas, e pequena envergadura. Ninguén é perfecto, pero algún capón pasou a proba por pouco.

Na feira estaba o avogado vilalbés Domingo Goás Chao, Presidente da Confraría do Capón de Vilalba, que mercou vintenove pares para as degustacións do capón que vai ofrecer en diversas cidades de Galicia, na capital de España, en varias embaixadas e no Vaticano. Desta, o capón vilalbés, será recoñecido internacionalmente, e a verdade é que non se nos ocorre millor maneira de establecer relacións “diplomáticas” co exterior que degustando un capón vilalbés aínda que sexa fóra do tempo do Nadal.

Manuel María afirmaba que na feira do capón o frío era sempre competente. Nesta ocasión tamén. Que llo digan ó bar Alameda, que queda enfronte mesmo da carpa feiral, que rexistrou uns fenomenais abarrotes de centos de frioleiros que acudimos alí na percura dun café ben quente.

Ó volver para Lugo, escoite pola radio que os capóns se cotizaran a cen euros por cabeza. Nalgúns casos é verdade. Eu vin vender algúns pola metade. Ou sexa, que a cifra era un pouco esaxerada, pero as esaxeracións cadran ben cando se trata de valorar as cousas que posuimos, e esto do capón vilalbés é posesión conxunta de todos nós.

29 de dec. de 2008

3 comentários :

  • Que facia ese tal Domingo Goás na Feira?. Por certo, quén é?. Estuda ou traballa?. Todo iso é o máis importante que nos tes que contar Xulio?. Coido que estás moi apartado da realidade vilalbesa. Ti adícaste a vender unha Vilalba "de las buenas maneras y la pleitesía", que xa non existe. Dame pena que un magnífico medio de comunicación como este teña colaboradores que toman o nome de Vilalba en van, algo que ti, en teoría, deberías de saber que é pecado. Vilalba é moito máis que ise folclorismo que nos tratas de vender a través dos medios nos que colaboras. Deberías vir vivir unha tempada a Vilalba cos vilalbeses e saber o que realmente é este pobo, que non é tan só feiras dos capóns, nin escritores e poetas chairegos, nin farrapos de troulas ou historias raras. Vilalba e os vilalbeses somos moito máis. Se nos seguides a vender esas historias, o único que estades a conseguir é que moitos, coma xa lín nalgunha outra ocasión, se avergoñen de ser vilalbeses. Xulio baixa as beirarrúas de Vilalba e vive o que o primeiro Concello da Terra Chá, que xa nada ten que ver con esa Porta de Cima, preciosa por certo, na que ti te criaches, aínda que ti sigas vivindo nesa Vilalba dos anos cuarenta e cincuenta na que mandaban os falanxistas e frades. Deséxoche que teñas un Feliz ano 2009 no que veñas máis a miudo por esa tranquila vila na que non hai terrorismo afortunadamente nin tampouco todo e troula e galipotada coma ti nos ves a dicir. Inisto VILALBA é moito máis e os nosos paisanos tamén. Sds.

    29 de decembro de 2008, 17:32

  • Xulio Xiz estimado anónimo, é un persoeiro que causa extrañeza para quen de algún xeito non o coñeza, tí parece que o tes de ollo, e sabes das suas andainas.
    Pero non creo que seña alguén como para dedicarlle moito tempo polo superficial que é, ademáis de repetir un ano tras outro dende que se foi para unha radio de Lugo, comentarios que sempre son de "pasar a brocha", e que sempre satisfacen a quen non é crítico.
    Penso que nin él nin Domingo Goás, que se autonomeou "embaixador do Capón", son coñecedores da outra Vilalba, da que non é troula nin paparolas nin foguetes de sete estalos.Esta última é descoñecida para ambos, inda que Domingo Goás ven máis veces e máis tempo.
    De todos os xeitos, calquera dos dous seguro que coñecen outra Vilalba que non é nin a que eles describen ni a outra que coñecemos nós.A Vilalba dos "deuses"....é a que seguro que coñecen máis non falan dela.A esa Vilalba só perteñecen algunhos escollidos, que non somos nin tí anónimo, nin eu.
    En todo cso a unhos e outros que lles vaia ben o ano.

    FENDETESTAS

    4 de xaneiro de 2009, 19:12

  • Querido Fendetestas: A miña felicitaciónn polo teu comentario. Ti, ao igual ca un servidor, ou se cadra moito mellor, algo que non é difícil, vives e coñeces a Vilalba cotiá, na que nos tocou desenvolvernos, dende o nacemento até facer a nosa vida adulta. E xa postos, cando respostamos a alguén que fai troula pseudoxornalística, propoño que os capóns que se lle se regalan cada ano aos "vilalbeses ilustres" vaian destinados aos vilalbeses máis destacados de cada ano, que haber hainos, sen que se podan repetir os galardóns, que sexa algo serio. Orixinarios de Vilalba son moitos os profesionais que traballan en silenzo, con éxito, nas súas respecativas profesións, vivan ou non en Vilalba. Da nosa terra hai médicos, escritores, avogados, mestres e tamén albaneis, carpinteiros e canteiros que debían ter un certo recoñecemento por parte desa "eterna oficialidade" imperante e non os de sempre. Así daríamoslle creto ao noso pobo e se cadra, "rebaixaríamos" o nivel de troula e galipotada que outros venderon ao longo de máis de 70 anos, porque a Transición nunca chegou ao nos querido pobo, aínda que haxa moita xente que traballou de arreo para que así fose e non foi precisamente un tal Fraga Iribarne, que se declaraba de orixe vasca cando era Ministro da Gobernación, pero como non lle deu resultado...Pobres vascos se teñen un paisano coma el.

    7 de xaneiro de 2009, 10:38

Danos a túa opinión