A Gioconda no Nadal


Bernardo G. Cendán

Non soporta tanto símbolo do que non lle interesa ver simbolizado: estas cousas de Nadal póñeno nervioso e irritado. Por principio ecolóxico, irrítano os fíos de luz artificiosa agadunchando polas árbores. Por incompatibilidade colonialista, revírase contra a inundación de abetos estraños e de vellos gordinflóns de barba branca e de roxa indumentaria. Por laicidade hixiénica, rebélase contra a ostentación pública de figuras que teñen o seu lugar no privado. En fin, que queredes que vos diga: Paulo, o meu amigo, évos así. O caso é que hai uns días, ao carón da Pravia, atopouse con dous operarios municipais cargados coas figuras do Belén e preguntáronlle en que orde se debería colocar aquilo ao pe da árbore: onde o burro, onde o boi ... O máis novo dos obreiros non tiña nin idea e o máis vello algo barruntaba, pero non estaba certo. Paulo díxolles, co rostro amoucado, que tampouco o sabía, o que, por suposto, non era verdade, pero dalgún xeito tiña que protestar, porque xa vía vir os vinte días seguidos en que debería soportar aquel espectáculo premoderno. O bo do home rabiaba, pero afíxose, e acabou por pasar sen mirar aquel caseto en miniatura. Ate que un día bateu coa señora Manuela, unha velliña que tiña sona de túzara, pero que lograra conquistar a simpatía do meu amigo porque este soubo descubrir nela un fondo delicado que os máis dos vilalbeses non eran quen de percibir. Deulle o seu brazo e acompañouna facer uns recados. E pasaron, claro está, a carón da Pravia. Manuela ollou de esguello as figuras e non dixo nada, só fixo coa man un sinal rápido e impreciso que, se cadra, podería ser unha cruz. Paulo sorprendeuse, pero, cavilou, non podía ser iso, xa que na súa longa amizade nunca notara no comportamento da señora ningunha mostra de algo relixioso. Decatouse, sen embargo, dun breve aceno, coma un rictus, nos beizos apergamiñados da velliña que, ben mirado, ben podería ser o inicio dun sorriso, sen chegar a selo de todo. Ela tiña sona de túzara porque xustamente nunca ninguén puidera ver un mínimo sorriso no seu rostro. Poida que fose un milagre. En todo caso, se o foi, non por iso o meu amigo Paulo se converteu á fe no Nadal, pero paréceme que xa non rabea tanto cando pasa rente da Pravia. Ou si.

(dedicado a PN)

24/12/2008

1 comentários :

Danos a túa opinión