No Muíño do Rañego, á beira do Paseo dos Soños


Xulio Xiz

Aínda había ben xente no Muiño do Rañego para asistir á homenaxe que se lle rendeu ó escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, por ter obtido o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil, e por toda a súa traxectoria literaria.

Os que viñeron de fóra tiveron moito mérito porque se ben por aquí non había neve, os que viñan da Coruña, de Vigo, de Santiago ou do sur da provincia si que a atoparon, e o frío era competente.

Normalmente sempre empezamos estes actos con notable retraso porque nos imos xuntando fóra, vendo persoas coñecidas de hai tempo, falando, e cando damos subido e nos sentamos xa pasou media hora. Neste caso fomos puntualísimos, como máximo un retraso de tres ou catro minutos, porque como facía tanto frío fóra, todos nos fomos abrigando rapidamente.

O Alcalde mandou que as estufas estiveran encendidas desde vintecatro horas antes, pero valeu de pouco porque algúns dos asistentes empeñáronse en sair ó balcón ver a paisaxe circundante e a circulación do aire fixo o papel que tiña que facer. En fin, que todos en abrigo, pero todos contentos.

A min deixoume impactado –por similitude- unha cousa que dixo Agustín de que a súa Vilalba xa non existía, aquela Vilalba dos seus recordos, a Vilalba que hoxe está debaixo dos edificios da cidade cultural e tantas outras cousas. E é verdade, aquela Vilalba dos nosos tempos – somos os dous da colleita do corenta e sete- non existe; non existe máis ca na nosa memoria, e hoxe as xentes son outras, os edificios son outros, a xeografía urbana é moi outra. Pero se embargo mentras nós vivamos, mentras tamén vivan os que gardan similares lembranzas, aquela Vilalba permanecerá viva no noso interior e ás veces cando contemplamos a Vilalba moderna podemos intentar enganar ós nosos ollos e finxir que miramos ó exterior cando na realidade estamos mirando para dentro e vemos o que queremos ver, oímos o que queremos oir, e sentimos o que verdadeiramente debemos sentir.

A pesar do frío, os que non coñecían o Muiño do Rañego, alucinaban co magnífico espectáculo que forma o muíño coa contorna, co río como ía cheo, co Paseo dos soños – que mirade que é bonito o nome!- que xa ten trescentos metros.

O mellor me pasei un pouco cando dixen que contando os tres km. que hai desde o Rañego ós Freires, e outros tantos de volta, dan para sesenta pedroulos en homenaxe a outros tantos escritores. A razón de un por ano, temos por diante sesenta anos de “capacidade” neste traxecto, que se pode prolongar hacia a Ponte Rodríguez por baixo, e por riba hacia Lanzós. E se non nos da tempo ós que agora andamos neso a eses sesenta, mal será que non haxa quen siga, do mesmo xeito que mal será que non vaian nacendo escritores novos que andando o tempo merezan esta singular homenaxe en pedra que queda para sempre á beira do río.

A min, ó final, pasoume o de sempre... Cando chego a Fabilus, tiro en dirección a Ribadeo, tendo que dar a volta na estrada de Cospeito. E ó sair, pretendendo volver á estrada de Lugo, acabo en “San Juan diAlba” como recordou Agustín que lle chamabamos de pequenos á parroquia de Alba. Pero eso non importa, porque o importante é todo o demais.

O importante é poder seguir concentrándonos amigos de vello no vello Muíño do Rañego, e colocando moitos hectómetros literarios máis no fermosísimo Paseo dos Soños de Vilalba.

Imaxe: Foto SUSO
Pica aquí para ver máis imaxes do evento

17/12/2008

1 comentários :

Danos a túa opinión