O temporal provoca cortes de subministro eléctrico en varios concellos da provincia de Lugo


Redacción

Máis de 17.600 usuarios de Unión Fenosa víronse afectados polos cortes de subministración eléctrica provocados polo temporal que está afectando ao país dende o sábado, segundo os datos facilitados pola compañía eléctrica á Consellería de Innovación e Industria. Neste momento 90 operarios traballan para restablecer o subministro a un total de 1.685 persoas afectadas, en concreto nas zonas máis rurais dos concellos lugueses de Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita, Castroverde, Baleira, O Corgo, Baralla, Becerreá e As Nogais.

Segundo os datos facilitados por Unión Fenosa o número de incidencias no subministro ocasionadas polo temporal alcanzou as 157, das que 73 se produciron na provincia de A Coruña, 43 na de Pontevedra, 21 na de Lugo e 17 na de Ourense. As franxas horarias con maior número de incidencias foron entre as 12 e as 17 horas do sábado 29 en Lugo e entre as 2 e as 6 horas de hoxe en A Coruña.

Así, as zonas máis afectadas foron as da montaña de Lugo (principalmente O Courel e Os Ancares), o interior da provincia de A Coruña e algúns puntos de Ourense (Trives, Vilardevós ou Laza). Dos máis de 17.600 galegos afectados polos cortes no subministro, 6.357 foron na provincia de A Coruña, 6.800 na de Lugo, 2.736 na de Ourense e 1.728 na de Pontevedra.

A maior parte das incidencias rexistradas foron xa solucionadas –tarefas nas que traballaron durante toda a fin de semana máis de 200 operarios–, se ben continúan os traballos para restablecer o servizo nas áreas rurais dos devanditos concellos lucenses. Neste sentido, esta tarde ten lugar unha reunión de traballo no Concello de Baralla, na que técnicos do departamento autonómico, de Unión Fenosa e representantes do concellos máis afectados avalían o estado da subministración eléctrica e fan seguimento dos traballos que se están a realizar para restablecer o servizo.

01/12/2008

0 comentários :

Danos a túa opinión