Predica, frade...


Paulo Naseiro

Pois ao final foi que si, quen o ía pensar. Nin a administración local nin, polo que parece, a autonómica, están por respectar a lexislación. Outro ano máis, quereríamos que fose o último, pero a ver..., o símbolo de Vilalba, o noso pradairo senlleiro, volve a ter que aturar que o disfracen de vulgar árbore de nadal.

Dicíame o outro día un alto cargo de Medio Ambiente ao que asaltei, certamente alporizado, que o Decreto 66/2007, que regula o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza, non prohíbe expresamente o feito e que, ademais, o concello tiña pedido permiso, aínda que a Consellaría non resolvera de momento o choio.

Imos por partes. Aprendín a ler ben pequeniño naquel curruncho da Porta de Cima onde a Ofelia termaba dunha recua de pequenos ao tempo que iniciaba a nosa alfabetización. Coido que os Cuadernos Rubio eran os mesmos que se utilizaban masivamente naqueles anos setenta e que, por tanto, a miña comprensión lectora é exactamente a mesma que a de calquera. Ademais, posúo o Certificado de Língua Galega de nivel 4, o máximo posíbel agás que un sexa licenciado en filoloxía galego-portuguesa. Reproduzo o artigo 9º do citado decreto e vostedes axudaránme a ver se o entendín ou non:

Protección.1. As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos.2. A protección implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia.

Poderiamos discutir se as guirnaldas luminosas afectan á integridade ou á saúde da nosa árbore. Eu entendo que si, que os buratos necesarios para penduralas, feitos a barrena, non deben ser moi beneficiosos para un exemplar tan vello e achacoso, pero, como se adoita dicir, expertos tiene la iglesia. Mais, dende logo, con respecto á aparencia, sobra calquera comentario.

E non, amigo Bernardo, non se trata de ningunha cruzada particular contra os símbolos relixiosos. Gústame ver o nacemento que lembro de toda a miña vida ao pé da nosa Pradia, e que non lle fai mal ningún. Respecto as crenzas de todo o mundo e non me provocan especial antipatía as manifestacións públicas de fe agás, se acaso, os saraos de Rouco Varela e os altofalantes do crego de San Cucufate. Respecto máis do que algúns autoproclamados beatos teñen respectado as miñas conviccións, e ti sabes que bebo en fontes éticas moi próximas ás da Reforma. Pero, que demo teñen que ver as luces penuradas da Pradia coa celebración do nacemento do voso Mesías? Que clase de simboloxía encerran que a min se me escapa?

E volvo ao conto, que é o que me interesa. Hai case catro anos moitos apostamos por un cambio, unha outra maneira de facer as cousas. Da actual administración local, que lle queren, eu non agardo moito máis siso. Élles o que hai. Si que tomo nota, orabén, de como a Consellaría de Medio Ambiente xere unha cuestión que pode parecer menor, pero a min seméllame ben simbólica. Se non hai capacidade para resolver este tema ben pequeno, xa poden ir tremendo os bosques do Courel ou as dunas de Corrubedo. Descoñezo que outros intereses poda haber por atrás, eu limítome a cinguirme á letra e ao espírito da norma vixente, ben clara como queda demostrado. Para que carallo queremos un decreto de protección de árbores senlleiras se non serve para nada? Para que se molestaron en facelo? Derógueno, en todo caso, pero mentres tanto, cúmprano e fágano cumprir, que para iso xuraron ou prometeron un cargo que, por certo, logo toca renovar. Se cadra...

24/12/2008

2 comentários :

  • En defensa da pravia: Levaba un tempo sen entrar nesta web e descubrín este artigo que polo que vexo é xa do mes pasado. Eu intereseime moito no que escribiches naquela outra ocasión sobre o tema e escribin varios comentarios, mostrando a desconfianza en que a Eduardo Vidal lle fora interesar a defensa do símbolo do noso pobo.

    Ó final vai resultar que a este "recénsocialista?" pouco lle importa o noso pobo, pouco lle importan as árbores, pouco lle importa todo aquelo que está a representar. Non cabe na cabeza de ninguén que unha persoa que representa a administración ambiental na nosa provincia, no seu propio pobo, non trate de polo menos de defender o valor natural máis querido polos seus veciños. Eu pregúntome que sucedería si ó Alcalde se lle pasara pola cabeza pintar de azul a torre do castelo e o delegado de cultura non lle chamase a atención...

    Como xa dixen no seu momento, é fácil aprobar normas e logo non aplicalas. O delegado de medio ambiente ten que facer cumprir a lei e se non sabe, debería marchar e desempeñar un traballo máis apropiado para el.

    Agora pasou o Nadal e ata o ano que ven pode que ninguén máis recorde á Pravia e o ano que ven sucederá o mesmo,así que por favor che pido, Paulo, que non deixes de insistir neste tema.

    Un saúdo

    00:16 do 24 de xaneiro de 2009

  • Pouco, (ou nada), penso que vai facer pola Pravia, Vidal Baamonde), inda que seña do pobo.El máis o seu entorno están tendo actitudes que vou denominar como de novos caciques, manipuladores e defensores de sí mesmo.
    É o que temos en Vilalba, aparenta que somos vos productores de xente como esta.Logo vai parecer que Fraga ó seu carón é un Aprendiz de Político.Neste caso destructores políticos e de anceios dos Vilalbeses.
    FENDETESTAS

    12:31 do 26 de xaneiro de 2009

Danos a túa opinión