Adeus ás torres do Arneiro


EA1GVN

As dúas torres que aínda ficaban en pé do radiofaro con indicativo LG do sistema Elektra-Sonne, situado na parroquia de Arneiro, foron derrubadas polo forte vento que acompañou o temporal na noite do venres ao sábado pasado.

A climatoloxía puxo fin así a case setenta anos de historia, a pesar dos recentes intentos de recuperación das torres a raíz da caída da primeira, no ano 2006. As máis de tres décadas de abandono -as instalacións deixaron de funcionar en 1971- pasaron factura a unhas estruturas incapaces, no seu estado, de enfrontar os ventos de até 180 km./h.

A paisaxe chairega perde un elemento que xa nos era familiar, e as posibilidades de explotación, ben turística ou ben como infraestrutura de comunicacións, pasan tamén a mellor vida. Oíuse xa algunha voz anunciando unha posíbel reconstrución que se nos antolla pouco menos que irrealizábel, todavez que o custo económico convertiría tal recuperación nun disparate. Houbo tempo para, cun pequeno investimento, evitar a desfeita, pero agora só queda lamentarse.

Os radioafeccionados chairegos estamos, certamente, desolados pola perda dun patrimonio radiofónico tan importante, alén de calquera connotación política. Quédanos, aos que tivemos a temeridade de agatuñar até o cumio de calquera delas para contemplar os amplos horizontes chairegos, o simple recordo.

Foto: Serafín Trashorras

As torres na Rede: www.torresdearneiro.com

26/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión