Cartas a Antón


Bernardo García Cendán

Lugo, 16 xaneiro 2009

Meu querido Antón:

Maniático, coma sempre, non paras de porfiar ate que che fagan caso: insistes e volves insistir, unha e outra volta. Xa non sei canto tempo hai, poida que desde o verán, tratas de me provocar para que dedique unha das nosas cartas a eses autobuses que puxeron a andar en Inglaterra co anuncio da inexistencia de Deus.

Efectivamente, eu tiña lido repetidamente a noticia, pero, a verdade, malia a túa insistencia, non me sentín provocado a escribir o máis mínimo comentario. Agora ese asunto xa está máis preto de nós, pois algúns autobuses cataláns andan a carrexar esa mesma publicidade, e, polo que din os xornais, parece ser que dentro de pouco, esa proposta da Asociación de Ateos e Librepensadores andará tamén nos autobuses madrileños e, suponse, non tardará en se presentar no cerne de Santiago de Compostela e mesmo, se cadra, nos transportes que transiten por Vilalba. E, claro está, se antes andabas tan insistente, agora non paras de me dar a lata para que che comente algo, e eu, meu amigo, sigo sen ganas de o facer, porque, asegúrocho, esa historia non me perturba nadiña, nin creo que incomode aos que viven tranquilamente na confianza da súa fe.

As palabras escritas nos autobuses ingleses e cataláns expresan o seguinte: “Probablemente non existe Deus, así que reláxate e goza da vida”. Quen lea isto, posiblemente pensará: tamén é probable que Deus exista e iso non ten por que impedir que te relaxes e goces de canto che regala a vida. Penso eu, efectivamente, que dificilmente se pode crer nun Deus dedicado a amargarnos a existencia. Non sei se os membros daquela asociación pretenden asegurarnos que, de non haber Deus, xa podemos facer o que nos dea a gana sen nos someter a convencementos éticos ou morais: gozar da vida sen atrancos. De ser así, eu podo dicirche, meu Antón, que teño moitos amigos que chegaron ao ateísmo e non por iso deixaron de ter unhas esixencias éticas; do mesmo xeito que coñezo moitas persoas que nos dicimos crentes e, se cadra, preocupámonos pouco de levar unha vida dirixida por normas morais. Poida que algún día destes vexamos cruzárense dous autobuses e, mentres un deles leva a pancarta atea, o outro leve escrita unha frase que diga algo así: “Probablemente non hai normas morais indubidables, así que reláxate e pásao ben sen mirar con quén nin contra quen” Non sei cal dos dous autobuses acadará mellor o obxectivo publicitario, imaxino que ningún: nin para ateos nin para crentes. De feito, en América, unha agrupación tamén atea, o Partido Humanista, foi máis precisa cando instalou nos autobuses unhas palabras máis asisadas: “Por que crer en Deus?: sé bo só polo feito de ser bo”. Isto xa me parece máis razoable, aínda que non o comparta, porque, segundo a miña fe, alí onde haxa bondade seguramente tamén anda Deus dun xeito ou doutro.

Xa ves, Antón, non pretendía comentar nada e acabei comentando algo. E, xa que nisto ando, debo destacar algo de positivo coma consecuencia desta polémica: ti e máis eu sabemos que o feito de ser crente non nos regala evidencias, e as dúbidas non son alleas á nosa vida nin ás dos mellores. Sempre foi así. Tamén é verdade que moitos dos que chamamos crentes son máis ben crédulos, é dicir, que cren de calquera xeito en calquera cousa. E isto, segundo creo, non é bo para unha vivencia adulta da fe. A min preocuparíame non ter razóns para explicar que as miñas crenzas, aínda que non sexan evidentes, son alomenos razoables. E gozo moito cando vexo a tanta xente que, no nome do que cre, entrega o máis da súa vida para que se evite todo o mal que poda ser evitado neste mundo. Estes días non deixo de lembrar, porque están de aniversario, aqueles chamados teólogos da liberación que, hai uns anos, foron asasinados no Salvador por falaren de restaurar a xustiza cos máis pobres. Eu coñecín algo a un deles, o padre Ellacuría, e téñolle escoitado que a súa vida estaba sempre en risco de morte, pero el sentíase feliz de facer o que a súa fe lle reclamaba. Resulta evidente que a este home e a outros moitos, homes e mulleres, nin Deus nin a Bondade lles amargaba a existencia: foi moito o que lles pediron, pero tamén foi moito o que se sentiron gratificados. Ao final, o saldo da súa vida foi positivo, creo.

Espero, Antón, que non me volvas dar a lata con estas cousas. Non te preocupes dos autobuses máis que para viaxares cómodo. Ata a semana que ven, se Deus quer. O teu amigo.

Bernardo

18/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión