Cartas a Antón


Bernardo García Cendán
Lugo, 2 xaneiro 2009

Meu amigo Antón:
Xa sei que o comezo do ano foi bo para ti. Por unha vez, desde hai moito tempo, chegaches a comer máis de seis uvas das doce que tiñas preparadas, todo un record; pero tamén cómpre dicir que a túa filla preparounas moi ben: púxoche desas que non teñen pebidas e ademais eran das pequerrechas que case se comen a pares, así que a túa proeza non foi tan grande como presumías cando te chamei. De tódolos xeitos, parabéns por ese comezo de uvas e champán. Eu, en cambio, funas comendo todas á feito seguindo as badaladas da Porta do Sol de Madrid. Cando eu era neno, quen marcaba o tempo eran as campás da nosa igrexa parroquial que agora a penas se escoitan, aínda que, todo hai que dicilo, para esta ocasión o reloxo foi axeitadamente preparado, cousa non moi frecuente nos últimos tempos. O caso é, meu amigo, que as fun engulindo tal como está mandado, o que, sen embargo, non quere dicir que vaia ter máis sorte ca ti. Xa sabes que non acredito moito neses azares de meigas, pero coido que sempre é bo poñer na vida rutineira aqueles rituais que aprendemos de nenos e que nos fan vivila, por momentos, de xeito máis intenso.

Cando che preguntei polo teléfono de que che podería falar na carta de hoxe, recomendáchesme que che contara como pasei a festa desa noite inaugural. Pois ben, non teño inconveniente en facelo, pero non creo que aos nosos lectores lles interesen moito estas andrómenas particulares. Así que non che vou narrar todo o acontecido, pero, xa que teño ocasión, vouche dicir algo do que me pasou.

Coma ti ben sabes, eu non tiven fillos nin fillas, e acepteino ben: foi a miña decisión. Tampouco teño netos nin netas, claro, pero iso acepteino peor, porque, meu amigo, non che hai nada coma a risa recen estreada dun neno para darlle cor e prestancia aos anos dun vello. Teño, por sorte, de momento, unha sobriña-neta que, con seis mesiños de vida, apareceu entre nós para alumear o inicio da nosa cea coa luz intensa dos seus ollos. Todos babeamos diante dela. Por veces, atopeime a ollala de fite buscando nos seus olliños unha palabra que aínda non aprendeu. Supoño que o meu rostro era para ela unha simple curiosidade que se esquece de inmediato, ou, se acaso, era algo desacougante que acabaría por facela chorar. Pero para min os seus olliños escuros eran outra cousa ben diferente: eran, nin máis nin menos, que as portas do futuro. Por eles ha pasar toda unha vida: unha neneza fuxidía, unha adolescencia de descubrimentos, unha mocidade esperanzada e unha adulteza fecunda. E eu, no meu silencio, preguntábame como habería ser esa vida que lle entrará pola fiestra dos seus ollos, como sería esa sociedade na que lle tocará participar, esa sociabilidade que eu xa non poderei analizar, ese entorno de vida que eu xa non podo mesmo imaxinar. Antes, cando ti e máis eu eramos nenos, todo cambiaba lentamente e, polo tanto, o futuro era algo suficientemente previsible. Agora xa non é así: todo vai á presa, e seguramente ela ha vivir cousas que, se agora nó-las dixeran, posiblemente non as creriamos. Creo que algunhas das condicións que nos trouxo esta modernidade na que vivimos han ser criticadas para que se recuperen elementos que agora están abandonados: certos valores, algúns principios fundamentais, convencementos perdidos, mesmo unha relixiosidade anovada e purificada. Pero tamén, claro, outros elementos da vida que agora nos parecen moi importantes quedarán perdidos para sempre na noite da historia. Quedeime eu cavilando: como se entenderá a amizade cando esta nena sexa moza?, como será, no futuro, aquela vida familiar que onte estabamos a reproducir coas uvas na man?. E, sobre todo, como se vivirá o Amor: o amor grande que por forza ten que ser xeneroso, e o amor pequeno e fuxidío do gozo diario descomprometido?. Diante do ollar sagrado dunha vida recen chegada, non fun quen de imaxinar futuros. Xa ves, Antón, despois de tantos anos a estudar estas cousas, atopeime sen respostas. Tería perdido o tempo?.

E así, entre as inquedanzas das preguntas e a ledicia de me sentir agarimado, fun pasando a noite que chaman máxica. E pensei nos amigos, claro, e entre os seus nomes andaba o teu, meu Antón. No fondo da noite prometedora, estaban os olliños dunha nena. Chámase Uxía. Que quede constancia. Cóidate e tenta respirar un ano máis. Despois, xa pediremos. Unha aperta.

Bernardo

2 de xan. de 2009

1 comentários :

  • No pouco que te coñezo, estimado Bernardo, amosas unha gran calidade humana. O feito de non ter fillos ou netos, coma é o teu caso e de moitas persoas, non significa que non teñas descendencia directa, pero tes trascendencia, que o máis importante de calquera ser humano que se prece coma tal. Cando leo un artigo da profundidade humana que o fas ti, tamén a mín me veñen lembranzas a miña cabeza, entre elas ao meu avó, falecido hai pouco máis de dous anos. Sempre se louvaba da súa vida, a pesar de ter que ir a unha guerra que non foi a súa e ver coma un amigo da infancia seu, que tiña 23 anos en 1938, deixaba a vida nos seus brazos despois de que un proxectil lle atravesase o pescozo en plena Batalla do Ebro. Ë unha triste lembranza comparado co que co nos contas ti, pero para min foi a máis fermosa historia humana, porque a pesar daquel duro trance foi un home que logo soupo ilusionarse, como fas ti con moitos textos, transmitir vida, algo que agora non esta de moda.

    Sds. para ti e o Chema dende as Rías Baixas.

    18:38 do 8 de xaneiro de 2009

Danos a túa opinión