Cartas a Antón




Bernado García Cendán

Lugo, 9 de xaneiro do 2009


Meu amigo Antón:


Tes razón e fas ben en recordarmo: efectivamente, hoxe faremos a presentación do novo Caderno do Instituto de Estudios Chairegos. Xa van aló catro presentacións e catro números, é dicir, oito anos, alomenos, de presenza do IESCHA na cultura vilalbesa e chairega. En realidade, máis de oito anos de traballo por facer presentes os trazos da nosa terra matricial. Como ben sabes, en cada un destes cadernos publícanse un conxunto de traballos narrativos ou documentais que podemos ler e gardar nas nosas casas, do mesmo xeito que nelas gardamos as lembranzas do que foi a nosa vida. Unha verdadeira riqueza da que hoxe, se cadra, non somos conscientes porque a sabedoría, como o viño bo, revalorízase co tempo, pero estou seguro de que, algún día, alguén aproveitará o que nesa publicación queda almacenado para memoria.


Teño visto a cotío en moitas das nosas casas máis humildes, tamén na túa, perdidos no chineiro do comedor ou nunha cómoda do dormitorio, algúns libros, marelos xa por fóra e aínda brancos por dentro, aos que ninguén tocou en moito tempo. Alí están caladiños, cheos de boas palabras, latexando de sabenzas e agardando ansiosos que algún día unha man os recolla e os abra para proclamar as historias que conteñen. Seguro que han facer que se alumeen os olliños dun rapaz que, posto a ler, nunca se dará explicado por que os tiveron tanto tempo calados.


Como ti ben sabes, máis dunha vez che teño prohibido, na medida en que ti deixas que che prohiban algo, que botaras ao lixo e te desfixeras dalgunhas daquelas obras literarias que non vías máis que como estorbos nos andeis da túa cociña. Berreiche, chameiche de todo, cheguei a te insultar, pero ao cabo logrei que me fixeras caso. Gardaches os Poemas de Chao Ledo, unha vella Antoloxía de contos, un Novo Testamento, A Virxe do Cristal de Curros e mesmo o desgastado volume dun Don Quijote, e agora babeas coma un canciño cando percibes que os teus fillos agarran algún deles para ler cos teus netos unha ou outra das súas esquecidas páxinas.


Certo que non tiñas libros que tratasen das cousas vilalbesas porque, desgraciadamente, non había case nada publicado e tampouco houbo quen che ofrecera o pouquiño que había. Agora non hai moito máis e queda aínda labor dabondo por facer, pero, por fortuna e polo esforzo do Instituto de Estudos Chairegos, sen apenas apoios do Concello, xa podes engadir á túa reducida biblioteca uns cantos volumes que falan do noso ou dos nosos.


O caso é que esta noite, meu Antón, xa te imaxino poñendo con calma as túas gafas de presbicia para ler no Caderno que hoxe presentamos os contos chairegos que deixou narrados con tanta mestría o Xosé Luís García Mato, e, tal como te coñezo, mentres os deletreas, andarás a rosmar dicíndolle á túa muller que ti, se te dedicaras a escribir, habíalos contar mellor ca el: claro, cada quen ten as súas ilusións. Pero, antes de ler esas historias ou os poemas do Sesé, non has resistir o tirón de contemplar con demora as duascentas fotografías dos vellos tempos da Chaira. E aí eu permítome convidarte a facer comigo un pouco de socioloxía. Observa en cada imaxe quen está, con quen está e onde foi sacada a foto. Olla con atención os diferentes grupos retratados e trata de descifrar se tales agrupacións poden ser unha mostra das diferentes clases sociais que se destacaban na nosa vila. Comenta coa túa muller a forma de vida social vilalbesa que se deixa transparentar en cada fotografía: as festas, os paseos pola rúa, a conversa nas terrazas, os encontros dos veciños, os personaxes populares collidos no seu entorno, sen descoidar o xeito de vestir propio de cada circunstancia. Se cadra, poderaslle explicar aos teus fillos e aos teus netos por que moitos, a certa idade, levabamos pantalóns bombachos, saberalo ti?.


E non esquezas facer un pouquiño de socioloxía urbana: a beleza dos edificios e a súa harmonía de conxunto, uns espazos que se prestaban a que os veciños se atopasen, paseasen e falasen, a largura das aceras e a posibilidade de se poder instalar nelas cómodas terrazas que tantos momentos de lecer nos permitiron. E, sobre todo, compara, non deixes de comparar o de onte co de hoxe. Por exemplo, as terrazas de antes coa que agora adoitan poñer no cruce da estrada de Lugo coa de Baamonde, aquela que, baixo a ollada impasible dos actuais gobernantes, obriga a que os peatóns teñan que baixar da beirarrúa para poderen pasar, mesmo se o sufrido transeúnte vai nunha cadeira de rodas. Algo similar ao que acontece con outra terraza que poñen nun bar do Campo de Puente. E pensa se hoxe o centro da vila se presta ou non a que a xente pasee, se encontre e converse.


E, cando acabes de facer os teus cachazudos comentarios, non deixes de tomar nota, coa axuda da túa dona, de todas aquelas anécdotas e acontecidos que cada fotografía vos suxira. Despois, dismo, e eu tratarei de escribir as vosas lembranzas. Teño moita pena de non ter gardado por escrito unha morea de cousas vilegas que me ten contado meu pai e que se perderon xa no esquecemento. A ver se coa vosa colaboración, recupero algo desa historia local que, queiramos ou non, contribuíu a facer de nós o que somos.


En fin, meu Antón, alí te espero esta tardiña na chamada Casa da Cultura, que, por certo, é moito chamar cando un ve o valor arquitectónica da mesma. Que pases un bo día e unha boa semana. Unha aperta
Bernardo En fin, meu Antón, alí te espero esta tardiña na chamada Casa da Cultura, que, por certo, é moito chamar cando un ve o valor arquitectónica da mesma. Que pases un bo día e unha boa semana. Unha aperta
Bernardo

10/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión