Censo on-line para as eleccións 2009

Redacción
Un total de 2.646.872 electores poderán votar nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 1 de marzo de 2009. Deles 2.311.515 son electores residentes en Galicia e 335.357 residentes no estranxeiro. Na páxina web do Instituto Nacional de Estatística está dispoñible información sobre o censo electoral con datos de interese para esta consulta, censo vixente, reclamacións, voto por correo, prazos, normativa legal e recontos de inscritos. Todos os electores poden consultar os datos das mesas e locais electorais. Ademais, os electores que posúan un certificado dixital recoñecido poden consultar os datos da súa inscrición no censo electoral.

A partir do día 5 de febreiro, e coma todos os anos, a Oficina do Censo Electoral remitirá a cada elector un cartón censal no que se lle indica a mesa na que lle corresponde votar, así como o local electoral e a dirección deste. Ademais as delegacións provinciais atenderán, as consultas dos electores sobre cuestións relacionadas co censo, os locais electorais, ou o procedemento para votar nas súas oficinas ou a través do teléfono 901 101 900.
Tamén coma sempre, o censo electoral poderase consultar do 12 ao 19 de xaneiro nos propios concellos e nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral de Galicia. Os electores residentes no estranxeiro poderán comprobar os seus datos de inscrición, nestas mesmas datas, nos respectivos consulados. A consulta nos concellos pode facerse por medios informáticos, previa identificación do interesado, ou ben mediante a exposición material das listas electorais se non se conta con tales medios informáticos. O prazo para reclamar, se se observa algún erro ou omisión nos datos contidos no censo electoral, esténdese do 12 ao 19 de xaneiro. As reclamacións poderanse presentar nos concellos, consulados ou nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral.
Imaxe: Luis Parejo, elmundo.es

12/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión