Coldplay ou as afinidades desafinadas (vol. I)

Por César Reis
Hei confesar que non acabo de entender toda a polémica que recentemente xurdíu arredor do grupo Coldplay e do guitarrista Joe Satriani. Segundo parece, este acusaba ao cuarteto británico de plaxiar no seu recente “Viva la vida and death and all his friends” un dos seus temas máis archipopulares. Tamén uns meses antes os neoiorquinos The Creaky Boards fixeran outro tanto do mesmo, aínda que non chegou a prestárselles demasiada atención por ser moito menos coñecidos que Satriani.
Recoñezo que o asunto me tenme sen coidado (será porque eu non vou sacar, coma os implicados, nin un can en demandas nin en dereitos de autor). Talvez por estar presente unha palabra de connotacións tan negativas como “plaxio”, penso que algúns medios fixeron unha análise un tanto simplista dunha cuestión que, desde a súa mesma formulación, pode ser moito máis complexa. Quizais, ao final, vostedes dirán, todo está na linguaxe. É posible. En calquera caso comezaremos cunha breve formulación teórica (poden saltalo se queren) para pasar logo (como tres parágrafos máis abaixo) a ver algúns exemplos.

A cita intertextual e outras cuestións posmodernas
Sen ánimo de abusar da súa paciencia pasándome de pedante, creo poder manifestar que, a creación artística contemporánea foi xerando unha relación especial entre emisor-artista e receptor que se sustenta nunha serie de códigos aprendidos por ambos, inherentes ao seu propio diálogo e que, case sempre, pero non só na arte moderna, danse por sobreentendidos. Forman parte desa propia comunicación artística como un elemento máis, nin sequera o principal, pero que non debe ser obviado ao analizala, pois a intertextualidade presente neles, co seu temperamento fuxidío e dificilmente aprensible, constitúe unha das características indisolubles diso que demos en chamar posmodernidade. Deste xeito ambos os dous, artista-emisor (músico, se se quere neste caso) e público-receptor, estarían imposibilitados para relacionarse de xeito inxenuo, pois viven mergullados nun mundo vizoso de melodías e referencias que procura provocar unha reacción e unha reflexión ao mesmo tempo sobre o papel da arte na sociedade.
Por todo iso, no que á arte musical atinxe, este non pode ser visto hoxe como algo limitado, como tantas veces se fixo en tempos pasados, pensando que o espectro de melodías poda circunscribirse a un conxunto reducido e inventariado de propiedade exclusiva dun número limitado de creadores. As citas e recurrencias continuas na música moderna resultan inevitables, dispensando con iso unha dimensión de complexidade que podería parecer inédita até agora, pero que, no fondo (como todo), afunde as súas raíces no máis acendrado concepto de clasicismo. Uf! En fin, que o sucedido no caso de Coldplay e Satriani non é nada novo, senón que hai moitos precedentes no mundo da arte (non só musical). Vexamos uns poucos.

Algún que outro (in)esperado exemplo
Antes de iniciar a relación de exemplos anímolles a que procuren nas súas discotecas particulares, comparen e atopen moitos máis. Estes achados, á fin e ao cabo, débense á miña pobre e obsoleta cultura musical.
Lembran o sucedido con aquela famosa “Lambada”? Ou con Michael Jackson e Albano (aínda colea o asunto nalgún reallity)? Aquí teñen máis. Comparen senón o “Twist & Shout” e “La Bamba”; a liña de baixo dun tema de Beat International coa daquel “Guns of Briston” de The Clash; o “Sweet Lord” de George Harrison co “He’s so fine” de R. Mack que popularizaran The Chiffons; o “You can’t catch me”, de Chuck Berry, co “Come Together” de The Beatles (Lennon, consciente diso, non dubidou en versionalo no seu disco Rock’n’roll, provocación?); o “Don’t worry be happy”, do ínclito Bobby McFerrin, e un coñecidísimo tema de Four non blondes. Ou entre os grupos da movida dos oitenta e a postmovida, “Marta tiene un marcapasos”, de Hombres G e “At the zoo”, de Paul Simon; “Dejad que las niñas se acerquen a mí”, do mesmo grupo, con “Don’t worry, baby”, dos Beach Boys; “Se dónde estás”, do 1.º Lp dos Ronaldos, e “Across the Universe”, de The Beatles; “Su majestad”, de Nicolás Pastoriza e os seus Bromea, o que?, e “You make me feel like dancing”, co que Leo Sayer fixo furor nas discotecas nos setenta; “A futura promesa”, de Presuntos Implicados, e “I say the Light”, de Todd Rungren, etc., etc.
(Continúa no mes de febreiro)

cesar.reis.alveiros@gmail.com


Vídeo no que un internauta contrasta o tema de Satriani co de Coldplay.

23/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión