En torno da Baskerville

Redacción
O pasado día 8 de xaneiro presentouse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Compostela, a exposición En torno da Baskerville, organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG) sobre o resultado dunha investigación e intervención proposta a trinta deseñadores: Lía Santana, X. María Torné, Pepe Barro, Xosé Salgado, Uqui Permui, Daniel Bembibre, Antón Lezcano, Álvaro Valiño, Pancho Lapeña, Gisela Ahumada, J. Ramón Méndez, Javier Perez, Jon Solozabal, Jose A. Carrera, María Pereiró, María del Rosario Domínguez, Natalia Crecente, Óscar Canal, Óscar Otero, Segundo Fernández e Rafa Caccamo.
Pártese da idea de transformar un elemento icónico, como é un libro, nunha obra diferente: nun libro obxecto, noutro libro ou nun obxecto no que non quede rastro da sua identidade orixinal. En calquera caso, a intervención suporá a diferenciación e a personalización dunha obra seriada ou impresa, a creación dun deseño orixinal non comercial a partir dun obxecto de manufactura industrial. Invírtese o proceso de creación: pártese do obxecto xa producido industrialmente para a creación dun orixinal. A propia asociación coordina a mostra e o deseño do dispositivo da exposición, que foi realizado polos alumnos da Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol.
O libro escollido foi A imprenta en Galicia. Século XIX, un catálogo ou inventario editado en dous volumes pola Xunta de Galicia en 2002, na colección Bibliofilia de Galicia. Trátase dunha publicación austera con forza como representación icónica: un libro clásico encadernado en pastas duras e maquetado con Baskerville, unha tipografía deseñada no século XVIII por John Baskerville, criticada durante moito tempo porque "cegaba aos lectores polos seus trazos finos e estreitos" pero posteriormente moi empregada, precisamente pola súa elegancia e claridade, en biblias e edición de clásicos literarios. Escolleuse precisamente o nome da tipografía, unha opción non tomada polos deseñadores que participan neste proxecto pero central no deseño do libro, para dar título á exposición.

08/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión