Feliz aninovo, Vilalba


Xulio Xiz

Quero expresar dous bos desexos para os vilalbeses neste ano que comeza, un abstracto e outro concreto. E, se pode ser, que se cumpran os dous.

O abstracto, é desexar un feliz ano a todos. Desexo que se concreta no persoal, no familiar, e mesmo no ámbito social. Que todos persoalmente, familiarmente e no noso entorno teñamos un bo ano, que con eso temos prácticamente arreglado o tema máis importante, vital. Porque, se ademáis de todo eso temos un bo ano económico xa sería moito pedir. Ese aspecto parece que é o que se presenta máis difícil. De todos os xeitos, o meu desexo é que teñades un bo 2009.

E o desexo concreto, que tamén nos vai beneficiar a todos se se produce é que teñan razóns os políticos que veñen de prometer que autovía Ferrol-Vilalba se vai acabar no próximo outono co que entre Vilalba e Ferrol se vai poder viaxar en pouco máis de media hora.

A verdade é que é un tema que ven de lonxe este das comunicacións vilalbesas, pero parece que pode ter solución feliz en menos dun ano.

De Vilalba á Costa sempre houbo un mundo de distancia. Parecía, o mesmo que desde Lugo, que alguén tiña ben interese en que quedase máis cerca a costa coruñesa que Viveiro ou Foz onde se centraba o veraneo do norte lucense.

De Lugo a Ferrol nin se planteaba a viaxe, a pesar de que a emigración levou a moitos vilalbeses a traballar ós asteleiros ferrolanos, e a numerosos paisanos nosos a traballar ás Pontes que funcionou como un punto de desenvolvemento desde que se deu en queimar o seu carbón para a producción de enerxía eléctrica. Parecía como se Vilalba non tivese ningunha conexión co seu porto natural, Ferrol, a cincuenta e seis kilómetros de distancia, como tampouco tiña moita relación co segundo porto en cercanía que resultaba ser Viveiro.

O punto máis importante de conexión de comunicacións, despois da capital da provincia, resultaba ser Rábade e logo Baamonde, potenciados os dous coa construcción da Nacional VI anterior e actual e a autovía. Así, en Rábade conectaban a estrada Madrid-Coruña coa Lugo-Viveiro, pasando por Vilalba, e en Baamonde a mesma Nacional e a estrada que logo resultou coincidir co Camiño de Santiago da costa, unido ademáis nestas dúas localidades á realidade posuir cadansúa estación de ferrocarril, en tempos moi importante pero que se alguén non o remedia moi axiña van resultar totalmente inoperativas pola realidade do transporte por estradas.

Pois xa non é Rábade o punto central das comunicacións, e se Baamonde mantén o seu papel e aínda o vai potenciar co entronque da Autovía 6 coa do Cantábrica, Vilalba pasará a ostentar este principal papel de núcleo de comunicacións por entroncar aquí, en Santaballa, a autovía do norte coa que ven das Pontes, e cando estas estructuras estean rematadas a nosa vila quedará a menos dunha hora de Viveiro, a media hora de Ferrol, e media hora de Lugo – dando a volta por Baamonde- e a menos de tres cuartos de hora da Coruña, dependendo do respecto das normas de tráfico que nos novos tramos de autovía que se van abrindo teño comprobado que non os cumpre absolutamente ninguén.

O tramo da autovía desde As Pontes a Cabreiros ven de inaugurarse, co que desde Cabreiros a Ferrol xa se circula por autovía. Falta de Cabreiros a Vilalba, que se remata dentro de 2009, cousa que desexamos, so arrastrará un retraso de tres anos. Pero xa nos conformamos con que se remate dunha vez.

Se Lugo figura no mapa porque está na estrada que de Madrid leva a A Coruña, Vilalba vaise ver beneficiada por quedar no camiño máis directo de Ferrol ó resto de Galicia e hacia Madrid, e eso sempre é interesante se sabemos aproveitalo.

Ou sexa que se este desexo concreto se realiza, tamén se vai realizar de paso algo do inconcreto, porque vai significar unha mellora grande nas comunicacións, nas viaxes, no transporte de mercadorías e na revitalización da industria e do comercio.

Pois que todo vaia ben en 2009. Que veñan as estradas, que superemos a crise, que vaiamos máis rápido a Ferrol, que nos sintamos a gusto en Vilalba, que nos sintamos a gusto cos demáis, que nos sintamos a gusto con nós mesmos.

É moito pedir para un ano só. Pero se houbera que reducilo, poñamos que pedimos para 2009, que non sexa peor que este que remate. E que a vida siga. Amén.

01/01/2009

2 comentários :

Danos a túa opinión