Lembrando a Juan Ramil, mestre dunha xeración


Moncho Paz

O xoves ao mediodía recibiamos a triste nova do pasamento de Juan Ramil Barja, mestre xubilado e veciño de Guadalupe (Vilalba). A súa morte faime lembrar, de súpeto, o que esta persoa significou na miña vida.

Era o pai duns rapaces cos que teño compartido diferentes momentos dende meniño. De todos eles quixera destacar especialmente a Víctor, compañeiro de estudos e de xogos, dende as aulas do inverno ás bicicletas do verán. Os da infancia foron anos felices para todos nós; que ben o temos pasado.

O seu pai foi o noso primeiro profesor de inglés. Ensinounos o básico do idioma de Shakespeare. Nas primeiras clases, os verbos “to be” e “to have”. Despóis, algo de conversa e a mensaxe de que é necesario coñecer esta lingua para moverse polo mundo. Abofé que tiña razón.

Juan Ramil foi un home respetábel e respectado. Unha persoa prudente e amable, que se caracterizou pola súa elegancia e a súa discreción. Un día, de neno, descubrín que el que non era natural de Vilalba, a pesares de estar casado cunha chairega de Sancobade, tamén mestra da nosa xeración. E unha tarde pregunteille ao seu fillo Víctor, mentres estudiabamos o trasvase Tajo-Segura: De onde é teu pai? De Occidente, respostou o cativo cheo de razón.

En verbas do amigo Chema Felpeto, foi un home preocupado e ocupado pola cultura popular. Conservaba múltiples escritos froito de pescudas persoais sobre a Chaira e o seu Freixo natal. As súas inquedanzas culturais o fixeron merecedor dun premio no Certame Literario de Vilalba. Tras a súa xubilación como mestre do colexio Insua Bermúdez, amosou interese polas actividades promovidas polo Instituto de Estudos Chairegos, e sempre que puido, estivo presente nos actos organizados por esta entidade.

Juan Ramil foi unha persoa que non pasou desapercibida, ao marxe da súa actitude vital discreta. Coido que deixou un pouso en todos nós, os seus antigos alumnos, que hoxe o lembramos coma se o tempo –inimigo común- nos perdoase.

16/01/2009

1 comentários :

Danos a túa opinión