Marchar a gusto



Paulo Naseiro

Evaristo Julio Vázquez Carneiro foi soterrado onte, domingo, na parroquia de San Cibrao, concello de Palas de Rei. Non houbo bágoas nin lamentos senón música, baile e foguetes.

Julio, como era coñecido, deixouno todo disposto hai anos, en plena lucidez, antes de que unha demencia senil afectara á súa capacidade. E, como establece o dito, quedou “atado e ben atado”: Dispuxo a contratación da Banda de Antas, a súa preferida e, de non ser posible, a de Palas ou a de Chantada, por esta orde. Quixo tamén un grupo de gaitas e baile tradicional e ordeou que ambos, banda e grupo de gaitas, deran un recital de media hora cada un despois do enterramento. Decidiu quen entre os seus familiares portaría o cadaleito e a remuneración que percibirían, 25.000 pesetas, encargou autobuses dende Palas e dende Chantada e esixiu foguetes da mellor calidade, unha terceira parte deles para disparar a víspera do sepelio.

Para que nada se torcera, incluíu todos os seus desexos, segundo explicaron os familiares, no testamento, como mandato de obrigado cumprimento. E. así, tivo unha despedida que se lembrará por moitos anos na Ulloa e na Ribeira Sacra, onde residiu os últimos dezasete anos, no Centro de Atención Xerontolóxica Sogaserso Chantada.

Para que agora veñan os antropólogos a falarnos do culto á morte e dos consabidos tópicos que nos atribúen aos galegos. En Galiza, como en calquera outra parte, o que prima é a presión social. Ás manifestacións privadas de loito, lóxicas, hai que sumar as publicas: velorio, flores, libro de sinaturas, pésames… Todo con moita tristura aparente, nos máis dos casos, coas frases tan manidas (“non somos ninguén”).

Pero cando un ten a posibilidade de despedirse como lle peta, sen compromisos sociais ou familiares, a rutina pode saltar polos aires. Velaí o caso de Julio. E os seus veciños de Palas déronllo, maioritariamente, por ben feito. Si señor.

05/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión