Movementos de fondo


Moncho Paz

O feito de sobredimensionar o voto emigrante de cara á xornada do 1-M pode converterse nunha cortina de fume. Porque historicamente a tendencia de voto na diáspora sempre foi a mesma: favorece ao partido que goberna en Madrid. Neste senso, os socialistas serían os grandes beneficiados, malia a crise económica e o alarmante incremento do desemprego.

Hai outra clave importante no proceso: o voto rural. A proba son os movementos de fondo que observamos nos últimos tempos. Nuñez Feijóo, que mantén o pulso nas cidades, leva varias semanas percorrendo vilas e outros lugares; Quintana ten moitas posibilidades de ampliar a súa masa de votantes nas parroquias, máxime cando os nacionalistas están a xestionar as áreas e Medio Rural e Benestar Social. E Touriño confía en mellorar os seus resultados en Ourense e Lugo, as provincias con maior predominio do rural.

Como denominador común, os tres fan chiscadelas ao galeguismo e a ese desexado espazo político de centro. Cando o reflictan nos seus programas, veremos quen dos tres saca mellor nota para acadar o certificado de galeguidade.
______________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e xornal.com

19/01/2009

1 comentários :

  • Estimado Moncho, xa saberas que a Xunta Electoral decideu que os emigrantes voten coa fotocopia do DNI.É este un avance importante, inda que non de abondo ó meu entender, máis polas informacións dos medios, seica non é do gosto de Touriño e él saberá o motivo; pode que seña que o PP está a facer campaña coa imaxe de Fraga na diáspora a modo de Cid Campeador.
    En todo caso, inda que esta é unha nova variante para a formación do Parlamento de Galiza, a Porra que fixemos segue adiante calisquer que señan as variantes, e como é preceptivo tomarei un viño, (ou café), a conta dos que ides perder.
    Saúdos e Saúde.

    Xan Baamonde

    12:32 do 22 de xaneiro de 2009

Danos a túa opinión