O temporal deixa un morto e numerosos desperfectos en Vilalba


Redacción

O temporal de vento, con refachos de até 180 km./h que atravesou a noite pasada o noso país, deixou en Vilalba un morto e abondosos desperfectos, alén dun corte na subministración eléctrica de máis de 20 horas.

Manuel Carreira, de 83 anos e veciño da parroquia de Mourence, pereceu calcinado logo de que a vivenda que habitaba fora pasto das lapas, que se iniciaron sobre as dez e media da noite de onte, ao parecer, debido a un curtocircuíto, a unha altura na que a subministración eléctrica comezaba a rexistrar cortes intermitentes. A forza do vento avivou o lume que, malia a axuda de veciños e efectivos de Protección Civil, non se extinguíu até pasadas as dúas da mañá, logo de destruír totalmente o inmoble. O corpo sen vida de Manuel Carreira foi atopado entre os escombros.

Os efectos do temporal afectaron lousados, muros, valados publicitarios ou árbores, provocando cuantiosos danos materiais. Xa ás nove da noite, o desprendemento de parte do tellado de chapa dun edificio da Avenida Terra Cha danou varios vehículos aparcados nas proximidades. Algunhas casas da Avenida de Galiza sufriron a rotura de vidros debido á caída de obxectos desprendidos de edificios veciños. Numerosos automóbiles rexistraron desperfectos por este mesmo motivo en toda a vila.

Con todo, o peor do temporal, mesmo despois do paso dos fortes ventos, estaba por vir. A interrupción da subministración eléctrica provocou que moitos establecementos comerciais non puideran abrir as súas portas. A falta de enerxía supuxo un problema para os negocios alimentarios, así como para numerosos particulares, que viron como as mercadorías se perdían nos conxeladores. As comunicacións tamén se viron afectadas, interrompéndose o servizo de diversas compañías de telefonía móbil, así como a emisión das dúas emisoras de radio locais.

Durante toda a mañá de hoxe, a demanda de lanternas, baterías, velas ou bombonas de gas desbordou os poucos establecementos abertos, diante do medo dos cidadáns a que o apagón se prolongase durante toda a fin de semana. Moitos veciños expresaron as súas queixas pola falta de información por parte da compañía Begasa.

Segundo informou esta mañá o conselleiro, Fernando Blanco, a caída de diversas torres de alta e media tensión debido á acción do vento foi o que provocou o corte de enerxía que, nalgún momento da noite, chegou a afectar a máis de cincocentos mil aboados. Ao longo de hoxe, sábado, máis de douscentos mil seguían sen subministración, a maioría deles no norte das provincias d´A Coruña e Lugo.

O casco urbano vilalbés recuperou a tensión ás 18:30 do serán. Os usuarios demandan agora información sobre quen se fará cargo das perdas ocasionadas polo incidente.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía prevé para maña vento forte ou moi forte en Galiza, aínda que sen chegar ao fenómeno de onte, acompañado de precipitacións moderadas, que poden ser localmente fortes e acompañadas de saraiva.

Imaxe: o temporal ás 18:00 horas. Fonte: Meteogalicia

24/01/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión