Perfecto Conde recibirá o sábado en Compostela o premio de xornalismo 'Diego Bernal'


Redacción

O Premio, que chega á súa edición número 14, será entregado o vindeiro sábado día 24 en Santiago de Compostela, nun acto que se celebrará ás 14:30 horas no hotel Puerta del Camino. A entrega do galardón contará coa presenza de Fernando Salgado, Secretario Xeral de Comunicación da Xunta, e de Arturo Maneiro, presidente da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), que estará acompañado polos membros da Xunta Directiva da entidade, entre eles o xornalista chairego Moncho Paz, Delegado da APG en Compostela.

Este premio foi recibido en edicións anteriores por Camilo José Cela, Augusto Assía, Juan Ramón Díaz, Santiago Rey, José Manuel Rey Novoa, Alfonso Sánchez Izquierdo, Blanca García Montenegro, Ángel Botana, Gerardo González Martín ou o colectivo de xornalistas de Euskadi.

Perfecto Conde (A Pontenova, 1943) estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde participou activamente na revolta estudiantil de 1968, e ao ano seguinte ingresou na escola de xornalismo de La Iglesia, en Madrid. Antes de rematar os seus estudos comezou o seu quefacer profesional no Diario SP e, pouco despois, mentres colaboraba tamén en Noticias Médicas, chegou -da man de Raimundo García Domínguez ‘Borobó’- á revista Chan, mentres escribía tamén para semanarios como Triunfo e Actualidad Económica.

Coordinador en 1972 da posta en marcha da Gran Enciclopedia Gallega, en 1975 incorporouse á redacción de Televisión Española en Galicia, onde tamén levaba a corresponsalía da BBC, baixo o pseudónimo Antonio del Eo, e da Radiodifusión Portuguesa. Dende a saida do xornal El País -ata 1982- foi correspondente tamén do diario madrileño e, durante 19 anos, traballou na revista Interviú, primeiro como delegado en Galicia e posteriormente como xefe de investigación e como redactor-xefe.

En 1995 regresou a Galicia, onde dirixiu a revista GAM e traballou como Xefe de Prensa do Concello de Ferrol. Antes da súa xubilación, foi redactor de investigación do semanario A Nosa Terra. Colaborador de outros medios de comunicación galegos, publicou, entre outros libros, ‘La conexión gallega, del tabaco a la cocaína’ e ‘Memoria Infinda’.

O premiado manifestou a súa satisfacción “por esta inmerecida distinción” e destacou a importancia de que lle sexa otorgado por xornalistas galegos. Conde dixo que ‘sempre é un gusto ser algo profeta na terra e tamén por iso –engadiu- non agacho a satisfacción que me produce a miña nominación para o premio Diego Bernal’. Para rematar, lembrou a figura que do xornalista que da nome ao premio, de quen dixo que ‘era unha persoa que tratei moito e da que gardo unha grande lembranza’.

22/01/2009

3 comentários :

Danos a túa opinión