Tres pés para un pote. Eleccións 2009 (I): O PPdG


Iago D. Castro

Antes de 1990 existía unha categoría de analistas internacionais, chamados kremlimnólogos, que eran os que interpretaban e trataban de dar sentido ás poucas sinais que, procedentes de alén da cortina de aceiro, podían ter unha extraordinaria importancia no mundo bipolar.

A guerra fría rematou, e algún daqueles politólogos podería ter un bo campo de traballo nas interioridades do actual Partido Popular. Aquí na Galiza, antes, todo estaba máis ou menos claro: eran os biorritmos de Donmanuel, últimamente máis ben crepusculares, os que marcaban o devir cotián da organización. Tranquiliza bastante un notengomasquedecir expresado con autoridade e que pecha, sen lugar a dúbidas, calquera posibilidade de discusión. Ademais, o inmobilismo do “León de Vilalba” aseguroulle ao PPdG dezaseis anos de masdelomismo, logo de que ao político por excelencia non lle quedase outra que pactar un tranquilo reparto de poder cos baróns provinciais e locais.

Núñez Feijóo ergueu unha bandeira pretendidamente renovadora e acabou con Cacharro Pardo, quen, aínda que ninguén se decatase, probábelmente había moito tempo que non era máis ca un cadáver político. El, coma todos nós, só se enterou cando unha maioría de alcaldes asubiaron e miraron para outro lado, pero o caso é que xa debía feder dende o momento que sacrificou a cabeceira -teórica- da organización provincial en favor dun cómodo asento no Senado.

E aí empezou e, todo hai que dicilo, acabou a renovación dun PPdeG que, pola contra, virou cada vez máis enigmático, menos transparente cara o exterior ca na época do ciclón Fraga. Dicíamo gráficamente un vello militante hai pouco: “calquera se mete na cabeza destes”. Despois de todo, na de Donmanuel collíamos todos, con armas e bagaxes.

Non axuda a máis ca evidente falta de carisma dun Núñez Feijóo ao que calquera querería como xenro, pero ao que ninguén ve como presidente aos mandos dunha maquinaria tan potente, pero tan pegada ao territorio como a do PPdG. “Non conecta coa xente”, pensa o vello militante, e parece que ten razón. E é que, a unha máis ca evidente timidez, hai que sumar o feito de que relevou nin máis nin menos que a Mr. Lacallesmía, case sesenta anos de coche oficial, inauguracións, corredoiras e apertóns de mans: toda unha enciclopedia de populismo.

A baza de Núñez Feijóo parecía ser, pois, a renovación dunha estructura que antano foi sólida pero que, como pasa con todo, o tempo contribuíu a corroer e desgastar. Unha nova xeira na que vender o seu produto máis alá do electorado maior de 55 anos, entre novas xeracións fartas de caciquismo, inercia política e clientelismo. Pero a cousa parece que non callou. Despois de Cacharro, nada de nada. Cando todos agardabamos que mandara a Baltar tocar o trombón na casa, a fortaleza ourensana aguantou incluso a perda do goberno da capital. E aí quedou a cousa.

Ás eleccións de marzo chega un bipartito non tan tocado como moitos pretenden ver, aínda que ofrece flancos favorábeis para unha campaña adversa demoledora, máis aínda cando a organización electoral do PPdG ten sobrevivido, milagrosamente, á perda do poder. Pero, para empezar, a elaboración das candidaturas populares, á vista da tardanza en facelas públicas, semella que non estivo exenta de grandes tensións. O resultado é calquera cousa menos renovador. Máis alá de recheos puntuais, hai presenzas inquietantes dun pasado non tan remoto.

Pedro Arias Veira, número 2 por A Coruña, en tempos gurú económico de Galiza, ex-PCE, ex-concelleiro socialista n'A Coruña e ex-”tetiñas free” xunto con Miguel Cancio, colaborador de Feijóo na súa etapa como conselleiro naquela quimera do Plan de Ordenación do Territorio, facía profesión de “liberalismo” hai pouco nunha entrevista co ínclito Alfredo Urdaci:

Urdaci: “Hubo un momento en que pensábamos que Galicia, con las galescolas y otros inventos, iniciaba un camino similar al del País Vasco... ¿continúa? Arias: Sigue adelante, con una política de creación de una industria de adoctrinamiento desde el modelo general del galleguismo políticamente correcto. La lengua ya no es morada del alma, sino un grupo de interés, un lobby lingüístico.”

Nunha liña semellante, Corina Porro, ex-conselleira con Donmanuel e ex-alcadesa de Vigo, leva na axenda a “cuestión” idiomática, de tal xeito que se non se deroga o actual Decreto de Normalización Lingüística, ela marcha. Nin as infraestructuras, nin a crise, nin o agro, nin farrapos de gaita: o problema de Galiza para a número 2 por Pontevedra é que ten un idioma distinto do castelán. Ou, polo menos, iso se desprende do discurso da ferrolá asentada en Vigo, tan apegada ultimamente a tangallegos e demáis ralea miúda, pero que farfullaba galego como podía na súa etapa de conselleira. Logo daquela non era tan perigoso?

Seguindo coa renovación, no número 6 por A Coruña hai dous apelidos para a historia: “Puy” e “Fraga”. Xa dicía o León que os retoños dos políticos adoitan ser máis intelixentes que a media da chusma. Outro tanto xustifica o “Baltar” que leva o número 6 por Ourense, e cuxos méritos máis sobranceiros parecen residir en “pecharse” uns días nunha vivenda compostelá ou coquetear co fenómeno Rosa Díez, ambalasdúas mostras máis acaídas á etiqueta aquela de “que hay de lo mío” que a unha certa coherencia ideolóxica.

En Lugo, poucas sorpresas máis alá dunha descoñecida Raquel Arias, alcaldesa de Sober. Parece que alguén calculou mal e esqueceu que aos votantes de Lugo capital adoita non gustarlles que o cabeza de lista provincial do PPdG non teña pedigree intra-muros. O demais, o de sempre: Balseiro, López Abella, Castiñeira, alén do forzado retorno de Daniel Varela do Europarlamento e, como non, a presenza do noso coñecido Agustín Baamonde. Por certo, haberá que ver o dano que o escasamente popular -en termos de recoñecemento público, non de militancia, enténdase- alcalde de Vilalba lle vai facer ao seu partido nestas eleccións. Non son un nin dous os militantes xa non desencantados, senón avergoñados polo estilo despregado polo rexedor vilalbés. Ollo.

O caso é que nin as enquisas que comezan a aparecer, sinalando un pequeno retroceso do PPdG, están a encender, que saibamos, as alarmas da organización. Salvo hecatombe da esquerda, pouco previsíbel, o “estilo Feijóo” (existe tal cousa?) parece levar aos populares a unha nova xeira de oposición, alén de botar unha paletada máis de terra na tomba de Rajoy. O que ninguén albisca nin con anteollos é o futuro. Despois de Feijóo, que?

25 de xan. de 2009

1 comentários :

  • Estupendo debullamento da situación do PP de Galicia que lein atentamente.
    Non en tanto, penso eu, que o retroceso do PP non o vai ser tanto como pode aparentar, tendo en conta que está "tocado" por diferentes frentes que inda que non señan estrictamente galegos, o son na medida que Rajoy é o Presidente do PP, e é de Galicia.
    O que sí será de analise a posteriori do 1-M, é a repercusión que terá no electorado popular a non presencia do anterior Presidente Fraga.Os votantes populares non teñen un referente Fraga, "idealizado en demasía polo propio PP".Esta eiva non calculada ainda polos analistas políticos, pode ser de moito calado, sobre todo na poboación do medio rural que acostuma a estar menos informado.É eiquí onde o PP vai demostrar a súa supremacía, sempre e cando a maquinaria electoral popular se active coa mesma ansia que o facia na era Fraga, así pois van ser os pequenos "lideres", estilo Gerardo ou Agustin Baamonde os que teñan que asumir a falla daquel Fraga impetuoso e implacable; si son capaces de trasladar esas caracteristicas, pódese concluir que non teñan tan dificil o renovar o poder.Esa é a dúbida máis importante para min o 1-M, pois as enquisas tampouco reflicten "salvo interesadas manipulacións", un descenso do PP en picado.Agardemos pois si esta variante ten efecto sobre o voto do PP, que non popular.
    De paso teremos unha lectura particular do noso concello, que sempre mobilizou o PP elevadas cantidades de colaboradores, e saberemos como "traballan" Gerardo e Agustin, ou si están enfrentados como din.

    30 de xaneiro de 2009, 17:14

Danos a túa opinión