Un parque de bombeiros para Vilalba


Xulio Xiz

Hai case catro anos que se anunciou a construcción dun parque de bombeiros en Vilalba. Foi o primeiro de febreiro de 2005, cando aínda na Xunta gobernaba o Partido Popular. Por fin agora parece vai ser posible, e con el os de Chantada, Sarria e Viveiro.

O parque vai ser construido nunha parcela propiedade do Concello, situada perto da entrada do Polígono industrial, correndo os custos da construcción no seu cincuenta por cento a cargo da Xunta, o trinta por cento a cargo da Deputación, e o vinte por cento por parte dos Concellos, xa que ademáis de Vilalba o parque atenderá preferentemente ós concellos de Abadín, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Xermade.

O tema ten a súa importancia porque pode xurdir un incendio nun lugar atendible que requira intervención urxente, e non será cousa de poñerse a razoar se hai que intervir ou non por razón de distribución xeográfica.

Hai unhas semanas planteouse un problema así en Lugo cun incendio que non foi atendido a menos de corenta kilómetros de distancia. A razón de non ser atendido polos bombeiros lucenses foi que no caso de desplazarse ata o lugar afectado quedaría a cidade desatendida co que podería orixinarse un problema maior do que se pretendía solucionar.

Porque os bombeiros lucenses son só capitalinos, e financiados polo Concello de Lugo. Todas as intervencións que fagan fóra do territorio do concello requiren autorización expresa do Alcalde de Lugo, e sempre que non poñan en perigo o servizo na capital.

Eu lembro en Vilalba dous incendios que fixeron época, hai cincuenta anos máis ou menos: O da tenda da Barrosa, que estaba situada –calexón por medio- ó lado do Hotel Chao, e o dunha tenda de calzado fronte á casa de Anxel Rego, case ó lado do edificio onde está Radio Popular. Porque eu fose pequeño, polo desusado dun incendio en Vilalba, polo aparatoso das chamas, aqueles lumes deixáronme marcado e cun medo ó lume nunca dominado. Por eso paréceme perfecto que Vilalba vaia ter un parque de bombeiros, con dotacións profesionais capaces de loitar co lume e vencelo.

Que a cousa vai en serio demóstrao unha nota que me mandou hai días a Consellería de Presidencia da Xunta, na que se anunciaba a contratación das obras dese noso parque, para o que a Xunta destina 680.000 €, prevéndose que os traballos de construcción da infraestructura vai ser de dez meses.

En fin, que o proceso está en marcha, e tarde un ano ou ano e medio, o certo é que imos ter parque de bombeiros para atender calquera emerxencia, e non só relacionada co lume. A verdade é que non se comproba para que serven ata o momento en que fan falta. E o mellor sería que só servisen para saber que están aí, para dar tranquilidade.

Non temos os galegos cultura de apagar lume. Se atendemos ó que pasou no último medio século nos nosos montes, case poderíamos dicir que a temos do contrario. Poderiamos tomar como exemplo Portugal, que o pobo máis pequeno ten o seu parque de bombeiros voluntarios. Non é cousa de cambiarnos da noite para a mañá, pero sí de ter axeitados servizos nunha provincia coma esta, na que aínda existen distancias e nas que a aparición dun lume pode ser un simple susto ou unha traxedia.

Ter un parque de bombeiros en Vilalba permitirá vivir algo máis tranquilos, mesmo ós que non vivimos en Vilalba. Póñome no lugar dos vilalbeses residentes e, cando empece a funcionar, eu faría unha festa.

15/01/2009

3 comentários :

  • Noraboa, Xulio. Hai que recoñecerche que por fin escribes un artigo interesante sobre un asunto que nos interesa aos teus compaisanos. Agora ben, sen ánimo de ofenderte, podo dicirche que cando teñamos o parque de bombeiros non é necesario facer unha festa, nin tampouco un velorio. Nos tempos que corren sería o máis normal do mundo que tivesemos un parque de bombeiros.

    Xan do Muíño

    P.D. Lémbroche que ao igual que lle contestaches a dous lectores que te criticaron eu, no teu caso, escribiría outro artigo nos que lles pediría disculpas. Un saúdo.

    13:06 do 15 de xaneiro de 2009

  • O Parque de Bombeiros é vital para Vilalba, pois son moitos os lumes que se producen na zona que abarcará.Desta volta parece que vai, e efectivamente é unha "promesa electoral" do PP, máis en concreto de Manuel Fraga, pero non saeu de ser unha "promesa electoral" que nunca se cumpleu, e non por falta de tempo, pois a promesa fixose xa hai uns dez (10)anos polo PP que non cumpleu.
    Tivo que vir o Bigoberno a ralizar unha promesa que o PP fartouse de pedir nesta lexislatura.Na anterior non dixo nin "mu", eran os seus.

    19:27 do 15 de xaneiro de 2009

  • Xulio sería interesante que te informaras ben da noticia posto que a nova deputación e Xunta de Galicia asumiron o custe ó completo das obras e do mantemento do parque do que non ten nada que aportar os concellos, ademais este era o motivo polo que o Sr Cacharro non facía efectiva a promesa electoral que nunca desenrolo e que tiveron que chegar outros a facer. Sería interesante que non só houbera alabanzas para o PP e neste caso ademais con toda a razón.

    13:00 do 16 de xaneiro de 2009

Danos a túa opinión