Apocalipse en Pailanistán


Por César Reis

O primeiro, aclarar para que ninguén se sinta ofendido. O termo Pailanistán foi acuñado polo ínclito escritor Xavier Alcalá para referirse a aquelas actitudes que fan da nosa unha terra aínda salvaxe, mestura dun enxebrismo e un exotismo ancorados nun tempo pasado, pero, non por iso, mellor.

Tamén quixese deixar claro que non era a miña intención, nin moito menos, entrar a saco a comentar a campaña electoral galega. Para os que temos clara a nosa intención de voto todo o relacionado con este tipo de eventos ten algo de circo mediático e político que un mira máis coa curiosidade propia do entomólogo que coa necesidade informativa do elector dubidoso ou desorientado.

En fin, feitas estas dúas aclaracións previas, talvez sexa preciso unha terceira. A que se refire á outra palabra que sustenta o título deste artigo. Semella ser un costume habitual aínda nos tempos que corren porse o disfrace de apocalíptico entre os que cultivan a opinión nos medios de masas (e de minorías). Ese xesto de predicador, de gardián da moral imperante ou ben, de francotirador irredento, irredutible e incansable fai, con todo, que enseguida se lle vexa o plumeiro de Xúpiter Tronante a este tipo de individuos. Non confundan. Non censuro esta postura vital. Podo, mesmo, chegar a entendela. Tamén é a que practican moitos dos lectores de medios como este amparándose no anonimato. Pero, aínda que entenda a súa actitude (coincida ou non coas súas opinións), non adoito compartila. Corre polas miñas veas un sangue demasiado galego como para non ver posible unha terceira vía, unha vía que se atopa máis cómoda na metade da escaleira, na mirada distanciada e irónica, nese mergullarse nas cousas sen acabar de crelas demasiado grazas á socarronería e, por suposto, á retranca.

O caso é que, metidos en fariñas electorais, de súpeto as actitudes apocalípticas atopan un estupendo caldo de cultivo non só entre estes sectores aludidos, senón tamén entre a clase política. Precisamente con esa intención entomolóxica xa aludida de inventarialas (por pura diversión, non crean), ando a seguir a campaña cando, aos poucos días de comezar, danme boa parte do traballo feito. Esperaba facilidade, pero non tanta.

Nun recente telexornal escoitei a palabra “cacique”. Ao comezo pensei que me tiña confundido de canle e que se trataba dalgún documental sobre a América precolombina, pero non señor, falaban de Galicia. Ao recuperarme do asombro, o primeiro que pensei foi que algúns políticos teñen no seu gardarroupa determinados repertorios léxicos e, dependendo onde vaian, collen un ou outro como quen saca o chubasqueiro, nena! E así, o mesmo que esta peza, como vir a Galicia sen traerse a palabra "cacique"? Talvez, pensei, alguén está a sufrir unha lene confusión coa orde natural dos paus nos números romanos e confundiu a Galicia do XXI coa do XIX. Como aquí non temos tribos de indios (malia o dito máis arriba certa tendencia apocalíptica que bole no meu interior faime dubidar desta afirmación tallante, polo menos no que se refire a algunha das acepcións da palabra “indio”), coido que a segunda acepción do vocábulo “cacique” sería a que se estilaría aquí, é dicir: “Persoa que, amparándose nunha situación social, profesional, etc., de privilexio, exerce ou controla ou poder político para concederlles favores ós seus protexidos ou a quen sométese á súa autoridade e actuar por vinganza contra quen non ou fai” (diccionario da RAG dixit).

Cabería pensar, e iso non nos alonxa da realidade, que a Galicia de hoxe é un país moderno, afastado deses vellos estereotipos decimonónicos. Un país onde todo tende a seguir os trámites e canles legais que impedirían eses comportamentos doutro tempo amparados no amiguismo e demais prácticas. Quizáis xa non haxa caciques ou, talvez, suceda con eles o mesmo que coas meigas. Non sei, o meu humilde coñecemento dos insondabeis misterios do mundo non chega a tanto, pero si podo dicir que o que vexo ao meu arredor confírmame que, se non hai caciques, si pervive, por desgraza, unha mentalidade que tende a favorecer o seu cultivo, unha mentalidade, máis arraigada do que sería convinte, que cre aínda demasiado na presenza e necesidade de padriños, de prebendas, de gratificacións baixo corda e que nos converte, máis que nunca, nun exótico e nada desexable Pailanistán.

Non os entreteño máis, pero déixenme pechar con outro exemplo (diferente) de todo isto que ando a dicir. Unha semana antes de comezar as eleccións galegas, celebrouse unha manifestación en Compostela en nome dunha, ao meu xuízo mal chamada, “Galicia Bilingüe”. Non comulgo con esa asociación nin tampouco, por suposto, cos violentos da contramanifestación dese día. Ambos son exemplos de algo, moito máis basto, esaxerado e apocalíptico que a simple alusión ao caciquismo, desa conversión do noso país en Pailanistán.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

18/02/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión