Democracia e xustiza


Paulo Naseiro

A tráxica morte dunha moza sevillana volve axitar o debate sobre a filosofía básica do noso sistema penal. O tratamento dado á información por parte de certos grupos mediáticos, tan coincidente co esperpento que representou a cobertura dos crimes de Alcàsser, non só entra de cheo nun amarelismo repulsivo e nada profesional, senón que parece obedecer a escuros intereses.

Estáse a manipular o máis ca lexítimo sentimento de raiba e desasosego da xente, reconducíndoo cara a reclamación dun sistema punitivo máis próximo ao afán de vinganza que á función rehabilitadora e reintegradora consagrada na nosa Constitución. É un chanzo máis nun longo pero sostido movemento: cada reforma do Código Penal vai inzada de declaracións a prol do “endurecemento de penas”, condutas consideradas como faltas en cuestións de tráfico, medio ambiente, etc., van entrando na categoría de delictos e son penadas con prisión. Curiosamente, só as cuestións relacionadas coa corrupción política ou económica escapan da severidade moralizante deste movemento.

A reclamación da instauración da cadea perpétua vén rachar definitivamente co modelo penal propugnado por grandes pensadores do século XIX, entre os que destacou a ferrolá Concepción Arenal. Significa renunciar á función social da lexislación penal, e está demostrado que non contribúe á diminución dos delictos. Logo, entón, cal será a seguinte reclamación, a pena de morte?

O ambiente de “clamor social” non é o mellor dos escenarios para abordar estas cuestións, que requiren sosego e ecuanimidade. Como pon en evidencia a recente folga de xuíces e maxistrados, o que precisa dunha posta ao día urxente é o sistema xudicial, ancorado en procedementos decimonónicos e incapaz de abordar o incremento do volume de traballo derivado do “endurecemento” de todo tipo de penas. Mentres tanto, nun exercício de saúde democrática, cómpre identificar que intereses se agochan detrás destes movementos regresivos.

22/02/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión